Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Xustiza a creación de novas unidades xudiciais en Galicia

17 Abr 2019

Santiago, 17 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Ministerio de Xustiza a ampliar con cargo á nova programación 2019 a creación de novas unidades xudiciais en Galicia que, de xeito consensuado, propoña a Comisión Mixta en atención a necesidades obxectivas e estruturais de carga de traballo e o número de unidades que lle sexan asignadas á Comunidade galega.

 

 

“Ademais dos xulgados do social recentemente aprobados para Vigo e Santiago, consideramos necesario a creación dun novo xulgado do social en Lugo, para o que expresamente a Xunta xa ten manifestada a dispoñibilidade para a súa dotación”, indicou a viceportavoz popular, Paula Prado.

 

Na súa intervención, Prado lembrou que a Comisión Mixta integrada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta acordou de maneira unánime a finais do pasado ano 2018 trasladar ao Ministerio de Xustiza a proposta de creación de tres novos xulgados do social, concretamente en Lugo, Santiago e Vigo. A esta proposta engadiuse, para o caso de que fora factible a ampliación do número de unidades asignadas a Galicia, a posible creación dun xulgado de primeira instancia en A Coruña, catro xuíces de adscrición territorial e un maxistrado para a sección segunda da Audiencia Provincial de A Coruña.

 

“O Ministerio de Xustiza non remitiu á Xunta comunicación algunha sobre esta solicitude, e por primeira vez o Goberno do Estado aprobou a creación de órganos xudiciais en Galicia sen atender as peticións da Comisión Mixta, como se puxo de manifesto o pasado venres coa aprobación polo Consello de Ministros do real-decreto de creación de novas unidades xudiciais, onde só se recollen os novos xulgados de Santiago e Vigo, pero non se fala nada do novo xulgado de Lugo”, lamentou.

 

DEMANDA MOI PROCEDENTE

 

Diante desta situación, Paula Prado considerou “moi procedente a aprobación desta proposición non de lei do Grupo Popular, demandando ao Ministerio de Xustiza a creación de novas unidades xudiciais en Galicia con cargo á programación de 2019, dado que tanto o máximo órgano do Poder Xudicial en Galicia como a propio Goberno galego estiman necesarios, ademais dos xulgados creados, un novo xulgado do social en Lugo”.

 

Neste sentido, manifestou que “este novo desprezo do Goberno socialista a Galicia responde ao descoñecemento de Pedro Sánchez das necesidades dos galegos, xa que foi a única comunidade autónoma que non visitou como Presidente do Goberno; ao tempo que os socialistas galegos son cómplices deste agravio a Galicia, en xeral, e aos veciños de Lugo, en particular”.

 

A viceportavoz popular considerou “lóxico que sexa o Goberno do Estado quen estableza o número total de unidades xudiciais a crear nos orzamentos xerais do Estado, e posteriormente cada comunidade autónoma con competencias na materia de xustiza sexa a encargada de radicar estes novos xulgados onde considere necesario”.

 

“A creación dunha nova unidade xudicial precisa dunha dispoñibilidade orzamentaria da Administración autonómica para a súa posta en funcionamento, que pode superar os 250.000 euros cada ano sumando infraestruturas, mobiliario, equipamento informático e persoal auxiliar, limitándose o Ministerio a asumir o custo de retribución do xuíz e do letrado da Administración de Xustiza”, concretou.

Síguenos nas redes sociais