Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG solicitará no Pleno que o Goberno do Estado retire a modificación do regulamento da Lei de Costas

23 Abr 2019

Santiago, 23 de abril de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno do Estado que retire a proposta de modificación do regulamento da Lei de Costas e, de procederse a tramitar este cambio, se adapte á normativa que lle sirve de cobertura. Así mesmo, a través doutra proposición non de lei se solicitará ao Goberno central unha resposta inmediata á proposta consensuada para implantar o estaleiro 4.0 en Ferrol, que situará a Navantia na vangarda tecnolóxica do sector naval.

 

O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, informou que a Xunta de Portavoces acordou a celebración dun pleno específico sobre a solicitude de cese da Valedora do Pobo rexistrado polos grupos da oposición. “É un debate superado logo de que a propia Valedora puxera o seu cargo a disposición do Parlamento galego, e agora nos toca aos grupos parlamentarios consensuar un nome para substituír tanto a esta persoa como ao adxunto ao Valedor”, apuntou.

 

PLENO ORDINARIO

 

Dentro do Pleno ordinario que se celebrará a continuación, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno do Estado que retire a súa redacción actual da modificación do regulamento da Lei de Costas por non axustarse á normativa, ao tempo que dea traslado á Xunta dun informe exhaustivo sobre todas as concesións que se verían afectadas por este cambio normativo. Así mesmo, solicítase que na nova tramitación que se acometa se dea un prazo axustado de alegacións para que toda a cidadanía e sectores afectados poidan ter coñecemento da modificación e facer as alegacións oportunas.

 

Miguel Tellado amosou “a nosa especial preocupación pola afectación que esta modificación do regulamento da Lei de Costas terá sobre máis de 100 empresas de cultivos mariños, transformación e auxiliares, como conserveiras, depuradoras, cocedeiros de moluscos ou instalacións de acuicultura, así como a case 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros de Galicia, segundo os cálculos aportados polo Instituto de Estudos do Territorio”.

 

O Grupo Popular tamén incorporou á orde do día da sesión plenaria unha segunda proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central unha resposta inmediata á proposta consensuada para a implantación do estaleiro 4.0 en Ferrol, vinculado ao programa de construción das cinco fragatas F-110.

 

DEFENDER OS INTERESES DE GALICIA

 

O viceportavoz popular lembrou que o anterior Goberno do Estado “defendía a implantación do estaleiro 4.0 para transformar unhas instalacións do século XVIII e adaptalas ao século XXI”. En concreto, esta actuación suporá un investimento aproximado de 400 millóns de euros, polo que Tellado criticou ao Goberno socialista porque, “ademais do atraso inxustificado na orde de execución das fragatas F-110, que vai supoñer carga de traballo nos estaleiros ferroláns para unha década coa creación de 7.000 empregos, desapareceu calquera mención ao proxecto de estaleiro 4.0 no que viñan traballando a Xunta, Navantia e o Ministerio de Defensa”.

 

“Con estas dúas iniciativas fundamentais para o impulso dos nosos sectores produtivos, desde o Grupo Popular demostramos que seguimos defendendo os intereses de Galicia, fronte aos que nos acusan de abordar cuestións só por electoralismo”, asegurou Miguel Tellado.

 

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno, o Grupo Popular cuestionará se os concellos de Ferrol e Pontevedra teñen cumprido a proposición non de lei aprobada polo Pleno do Parlamento o pasado mes de novembro a través da que se lles requiría a implantación do servizo de transporte urbano; e solicitará un balance do funcionamento e acollida das casas-niño desde a súa posta en marcha.

Síguenos nas redes sociais