Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda a creación dun órgano colexiado que coordine a protección dos consumidores entre Xunta e concellos

05 Xun 2019

Santiago, 5 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a crear un órgano colexiado de carácter consultivo e participativo entre a Administración Autonómica e as entidades locais galegas co obxectivo de procurar a máxima coordinación, cooperación e participación nas materias que afecten á protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, desenvolvendo a Lei 2/2012 galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

 

 

A portavoz de Comercio, Cristina Romero, sinalou que “é o momento de proceder á creación dun órgano colexiado de cooperación con carácter permanente, no que se preste especial atención ás necesidades daqueles galegos e galegas que se atopen en situación de vulnerabilidade, como é o caso dos beneficiarios do Bono Social, onde debe existir unha implicación por parte dos servicios sociais das entidades locais”.

 

DESENVOLVE O RECOLLIDO NA LEI

 

Ademais, explicou que con esta iniciativa “se desenvolve o establecido na Lei galega 2/2012 de protección xeral ás persoas consumidoras, que contempla a necesidade de que as administracións públicas, no exercicio das súas competencias e nos seus respectivos ámbitos territoriais, promovan e desenvolvan a defensa e protección das persoas consumidoras e usuarias, actuando nas súas relacións de acordo cos principios de coordinación e cooperación”.

 

En concreto, destacou o labor desenvolvido polo Instituto Galego de Consumo e da Competencia desde a aprobación desta lei, e a modo de exemplo lembrou que Galicia foi pioneira en habilitar unha solución gratuíta para os afectados polas participacións preferentes, se facilitou asesoramento a máis de 4.500 persoas sobre as cláusulas chan e se prestou asistencia e seguimento a todas as persoas beneficiarias do bono social eléctrico.

 

Cristina Romero salientou que o Instituto Galego de Consumo e da Competencia tramitou o pasado ano 18.167 reclamacións dos consumidores, un 3,8 por cento máis que o ano anterior; e emitiu 3.479 laudos arbitrais, un 27,9 por cento máis que no 2017, dos que un 72 por cento recolleron total ou parcialmente as demandas dos consumidores.

 

UN PASO MÁIS

 

Por parte dos concellos galegos, están a desenvolver accións e funcións en materia de consumo en favor dos seus veciños como órgano administrativo máis próximo, “unha actuación que levan a cabo en coordinación e cooperación coa Xunta a través das oficinas municipais de información ao consumidor e diferentes convenios coa Federación Galega de Municipios e Provincias”, engadiu.

 

“Valoramos moi positivamente todas estas iniciativas desenvolvidas pola Xunta e os concellos, pero desde o Grupo Popular consideramos axeitado dar un paso máis na procura dunha maior unidade de acción entre ambas administracións públicas para garantir a máxima efectividade e cobertura ás persoas consumidoras e usuarias de Galicia”, manifestou Cristina Romero.

Síguenos nas redes sociais