Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda ao Goberno central que mellore o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar

12 Xun 2019

Santiago, 12 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta ao Goberno central para que impulse os cambios normativos que sexan precisos para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar e, tras un proceso de diálogo co sector, se estude a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización, aproveitando que o Ministerio de Traballo está traballando nun novo sistema de cotización para os traballadores autónomos.

 

 

Así mesmo, o Grupo Popular aceptou incorporar a emenda do BNG a través da que se demanda ao Instituto Social da Mariña que, no prazo máximo de un mes, remita un informe a todas as confrarías de Galicia e ao Parlamento galego no que se clarifique cales son as diferentes situacións de protección social real das xentes do mar e as contías das cotizacións de cada grupo.

 

A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, explicou que “mentres a inmensa maioría dos traballadores en España, cando compren os requisitos para acceder a unha pensión, obteñen unhas contías que non difiren substancialmente daquelas que perciben mentres están en activo, non acontece igual con todos os profesionais acollidos ao Réxime Especial de Traballadores do Mar”.

 

“As razóns que motivan esta discrepancia están baseadas nas distintas presuncións que a normativa vixente establece para determinar os ingresos de cada traballador”, indicou Egerique, quen engadiu que “se trata dun mecanismo demasiado artificioso que, como resultado final, ofrece contías moi por debaixo da realidade ou, no caso dos autónomos do mar, cinguidas por unha cota fixa, igual para todos e inamovible”.

 

MESMO TRATO

 

Neste sentido, dixo que “do mesmo xeito que se ten acadado un acordo no eido dos traballadores autónomos para iniciar unha modificación, dende o Grupo Popular consideramos que as mulleres e homes do mar son merecedores deste mesmo trato, coa posibilidade de beneficiarse das vantaxes que implicaría”. Ademais, engadiu que “vimos apostando por reclamar das administracións o impulso dunha reforma normativa que permita poñer en marcha un sistema similar de libre elección das distintas bases de cotización, permitindo aumentar voluntariamente por enriba da base mínima establecida”.

 

Teresa Egerique manifestou que unha reforma destas características “sería moi beneficiosa para todos os profesionais do mundo do mar en Galicia, pero de xeito especial para aqueles propietarios de pequenas embarcacións que realizan o seu traballo a bordo das mesmas; traballadores por conta allea enrolados en pequenas embarcacións; e profesionais autónomos non embarcados, fundamentalmente mariscadoras e redeiras, que son os que maior dificultade atopan en aplicación da normativa vixente”.

 

INICIATIVA EN POSITIVO

 

“Trátase dunha iniciativa parlamentaria en positivo para o sector do mar e os profesionais que nel traballan; unha iniciativa oportuna, porque consideramos que é o momento apropiado para levar adiante esta proposta e facela realidade; e unha iniciativa que suma, porque cando falamos do sector marítimo-pesqueiro todos deberíamos sumar e remar a favor”, sinalou.

 

Para rematar, a portavoz popular lembrou que con esta proposición non de lei “culmínase o traballo iniciado en marzo de 2016, cando o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que demandaba a posta en marcha dun sistema de mellora voluntaria do réxime de cotización á Seguridade Social dos traballadores do mar, que non se conseguiu efectivizala pero motivou a realización de contactos e estudos ao respecto”.

Síguenos nas redes sociais