Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Jackeline Fernández substituirá a César Fernández, novo alcalde de Ribadavia, como deputada do Grupo Popular

17 Xun 2019

Santiago, 17 de xuño de 2019.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, avanzou hoxe que Jackeline Fernández Macías será a nova deputada do Grupo Popular pola provincia de Ourense, en substitución de César Fernández Gil, que foi nomeado este sábado alcalde de Ribadavia.

 

Miguel Tellado felicitou hoxe a “todos os novos alcaldes galegos, especialmente aos do Partido Popular e cunha especial mención a César Fernández Gil, que foi voceiro de Cultura e Educación do Grupo Popular ata o pasado sábado e cuxa marcha motivará o nomeamento de novos portavoces nestas áreas dentro deste grupo parlamentario”.

 

Logo da reunión dos deputados do Grupo Popular para preparar os asuntos que levarán mañá á Xunta de Portavoces para incorporar á sesión plenaria da vindeira semana, Tellado avanzou a previsión de que no Pleno se debata a aprobación definitiva do proxecto de lei de ordenación farmacéutica, un novo texto lexislativo que permitirá adaptarse aos múltiples cambios sociais que houbo desde a aprobación da anterior lei hai dúas décadas.

 

DOBRE OBXECTIVO

“En resumo, a lei ten un dobre obxectivo: por unha banda, recoller as novidades de regulación que se introduciron desde 1999; e, por outra, solucionar de xeito eficaz as necesidades e demandas actuais dos usuarios e profesionais das farmacias”, concretou o viceportavoz popular. Ademais, esta nova  lei contempla a axilización dos concursos públicos para as novas farmacias, a regulación da venda por Internet e a introdución da posibilidade da atención farmacéutica a domicilio.

 

Así mesmo, a sesión plenaria incluirá o debate de totalidade do proxecto de lei de patrimonio natural de Galicia, que consolida a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística. Miguel Tellado explicou que esta nova lei “adapta o actual texto de 2001 ás novidades que se produciron nos últimos anos, para aproveitar a experiencia acumulada e para incorporar melloras e delimitar claramente as competencias da Comunidade”.

 

Como principais novidades, este novo texto lexislativo avanza na protección do noso patrimonio natural e establece mecanismos de cooperación con outras administración.

Síguenos nas redes sociais