Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O proxecto de lei de patrimonio natural avanza a súa tramitación parlamentaria ao superar a emenda á totalidade presentada por En Marea

25 Xun 2019

 

Santiago, 25 de xuño de 2019.- O proxecto de Lei de patrimonio natural de Galicia continuará a súa tramitación parlamentaria, logo de que no día de hoxe superara a emenda á totalidade presentada polo grupo En Marea. O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, sinalou que esta emenda á totalidade “parece máis froito dun posicionamento prefixado e dunha forma de entender a política como unha confrontación continua que dun análise do texto, das posibles alternativas e de buscar o mellor para Galicia”, e avogou porque na tramitación parlamentaria “haxa predisposición para o acordo e sacar adiante esta norma co máximo consenso”.

 

“Da a sensación de que fora cal fora o texto que a Xunta presentara no Parlamento, o grupo de En Marea ía facer unha emenda á totalidade, partindo da base que como a nova lei non é do seu partido xa é mala e para iso fai unha serie de afirmacións que ou ben son falsas ou hai que ter moita imaxinación para dalas por boas”, lamentou Gonzalo Trenor.

 

PROTECCIÓN TRANSVERSAL

 

Na súa intervención, o portavoz popular manifestou que a protección do medio ambiente “ten un compoñente transversal, de xeito que todas as normas sectoriais deben recoller a preservación do medio e as medidas necesarias para tal preservación”. “Partindo de que esta lei non pode substituír todas as leis sectoriais, si recolle unhas directrices mínimas nos diferentes sectores que teñen maior incidencia na materia ambiental, como por exemplo no relativo a actuacións forestais, que se xustifica na importancia deste sector na Comunidade galega e que ten por obxecto garantir que estas accións se realicen de xeito compatible cos obxectivos deste proxecto de lei”, apuntou.

 

Trenor sinalou que “hai unha normativa básica estatal, que é vinculante para nós e para o resto”, e explicou que no novo texto lexislativo “déixase claro a prevalencia dos instrumentos de planificación e xestión dun espazo protexido sobre calquera outra planificación sectorial e urbanística”.

 

“Resulta evidente que o proxecto de lei tan que adecuarse á normativa básica, pero iso non pode supor ter que reproducir na súa totalidade os contidos de dita lei, xa que isto suporía a non necesidade de elaborar unha norma autonómica ao respecto”, afirmou.

 

ESPAZOS NATURAIS

 

Gonzalo Trenor sinalou que este proxecto de lei regula os espazos naturais protexidos e os clasifica en oito categorías: reserva natural, parque, monumento natural, humidal protexido, paisaxe protexida, espazo protexido Rede Natura 2000, espazo natural de interese local e espazo privado de interese natural.

 

“O motivo de establecer unha superficie mínima para a declaración dun novo parque natural é para resaltar a importancia e excepcionalidade destes espazos, de xeito que sexan ámbitos con suficiente entidade”, indicou o portavoz popular.

Síguenos nas redes sociais