No debate dunha proposición non de lei sobre as touradas en Galicia, Alberto Pazos lembrou que “calquera organización legalmente constituída que celebre un evento legalmente permitido pode cursar unha invitación ao Goberno da Xunta, que no ámbito da súa liberdade decidirá acudir ou non ao mesmo”.
TOLERANCIA E COHERENCIA
“A oposición galega pretende coartar esa liberdade e impoñer o seu particular criterio ao goberno de todos os galegos, que debe representar a todos os galegos”, manifestou. Neste sentido, lamentou que “o fan agora co tema das touradas, como anteriormente o fixeron coa asistencia a actos relixiosos, en ambos casos acudindo á máxima fundamental da esquerda menos tolerante de Europa”.
Así mesmo, Pazos afirmou que a oposición “expide carnés de galegos, carnés de feministas, carnés de moderno ou carnés de tolerancia, e se non tes estes carnés podes ser acosado, perseguido, insultado e sinalado como intolerante”. “A tolerancia é unha virtude que require discrepancia”, lembrou.
“Xa que non coñecen a tolerancia, alomenos abracen a coherencia”, demandou o deputado popular, quen indicou que “os mesmos que nos piden acabar coas touradas en Galicia son os que que recuperaron en Allariz o único toro ensogado que queda en Galicia”. “Porque ensogar touros é unha crueldade en Castela, pero é unha respectable tradición en Galicia, sempre que estea respaldada polos nacionalistas”, dixo.