Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: "Se o Goberno ten capacidade para pagar unha parte da débeda que ten con Galicia, tena tamén para pagar os 700 millóns íntegros”

11 Out 2019

11, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, admitiu que, se o Goberno en funcións ten capacidade para pagar unha parte da débeda de 700 millóns que ten con Galicia, tamén a ten para pagar a cantidade íntegra “e iso é o que imos seguir reclamando”.

 

Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, lamentou que nun tema tan serio como o financiamento dos nosos servizos públicos o Executivo socialista estea a actuar de xeito frívolo e electoralista porque estes servizos “nin están en funcións nin supeditados ás frivolidades e á táctica electoral de Pedro Sánchez e os seus asesores”.

 

Así, lembrou que levamos meses escoitando escusas e mentiras pero a día de hoxe non hai ningunha constancia oficial de que o diñeiro se vaia aboar, o que confirma dúas cousas: “Que o Goberno intentou chantaxear ás Comunidades cos cartos que se dedican a pagar os servizos públicos e que esa chantaxe fracasou porque as Autonomías nos plantamos e non cedemos”.

 

Da igual xeito, fixo fincapé no engano do Executivo de Sánchez, que recoñece agora que o que dicía hai unhas semanas era falso, demostrando que Galicia tiña razón: “Un Goberno en funcións si pode transferir ás Comunidades os recursos do sistema de financiamento, que xa ten en caixa porque os galegos xa os pagaron”.

 

UN GOBERNO SEN IDEAS NIN PLANIFICACIÓN

Por outra banda, o secretario xeral referiuse á delicada situación en materia de industria que vive a Comunidade debido á política enerxética errada e errática do Goberno central, sen ideas e sen planificación para unha reacción inmediata e urxente antes de que sexa demasiado tarde. Segundo admitiu, unha mostra desa falta de propostas comprobouse coa visita da ministra de Industria a Alcoa San Cibrao, cualificando como inaceptable que viñese a unha factoría que está ao límite “a non anunciar nada”.

 

“Reyes Maroto veu a Lugo de paseo e a rirse dos traballadores”, aseverou ao tempo que consideraba “politicamente inmoral” dicirlle a 2.000 traballadores de Alcoa e aos milleiros de empregados máis das industrias electrointensivas galegas que o Executivo ten a solución aos seus problemas, pero que non a vai ensinar ata pasadas as eleccións. “O Goberno está demostrando que non sabe como resolver esta cuestión, pero está intentando marear aos traballadores para non saír prexudicado nas urnas”, dixo.

 

TRABALLO E SOLUCIÓNS FRONTE INTRANSIXENCIA E BLOQUEO

No que respecta ao peche da central das Pontes, Tellado insistiu en que “o Goberno de Sánchez fixouse como obxectivo desde o primeiro día o peche das térmicas galegas”, e contrapuxo a intransixencia dos socialistas coa defensa que fai a Xunta e o PPdeG dos postos de traballo, da actividade industrial de Galicia e dunha transición enerxética ordenada, xusta e respectuosa cos obxectivos medioambientais. “Fronte ao bloqueo e os problemas do Goberno central, buscamos solucións cooperando con outras administracións, como o Concello das Pontes ou a Comisión Europea, para manter vivas a central e a comarca”, engadiu.

 

De feito, sinalou que a Comisión Europea confirmou que comparte a mesma visión que o Executivo galego, remarcando que a Comunidade poderá optar aos fondos comunitarios para unha transición enerxética xusta unha vez se activen a partir de 2021, segundo a previsión marcada desde Bruxelas.

 

Nese senso, destacou a necesidade de que o Goberno central impulse a curto prazo medidas fiscais que permitan reactivar de inmediato a actividade na planta, como a eliminación do céntimo verde, así como buscar alternativas que garantan o seu futuro: incorporando a Galicia aos fondos europeos para reindustrializar zonas que se vexan afectadas pola transición enerxética -como As Pontes e Meirama- e creando unha mesa técnica entre administracións e empresa, tal e como teñen proposto a Xunta e o Concello das Pontes, para validar o cambio de modelo cara a unha transición enerxética xusta e ordenada.

Síguenos nas redes sociais