Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda que a Xunta difunda e defenda o ditame do Consello Galego de Pesca sobre o novo Fondo Marítimo e de Pesca

11 Out 2019

Santiago, 10 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a difundir e defender o ditame aprobado no Consello Galego de Pesca en relación coa “Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se derroga o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello”, así como facer partícipe del ao Goberno central, para que os seus representantes poidan facer valer os argumentos sinalados polo sector pesqueiro galego.

 

En concreto, as aportacións de Galicia recollen principalmente unha simplificación de trámites administrativos para que sexa máis eficiente que o actual; incluír o criterio de que ‘todo o que non estea expresamente prohibido no regulamento, será elixible no novo fondo’; clarificar a non asimilación de delitos de pesca e faltas administrativas derivadas do incumprimento de medidas técnicas; flexibilidade de cara ao futuro, sobre todo ante retos que se aveciñan, como é o Brexit duro; ratios de cofinanciación; reservar unha cantidade dos fondos a proxectos transnacionais; axudas para melloras dos medios de control, da seguridade e da trazabilidade; melloras na habitabilidade, condicións de traballo e conciliación a bordo; renovación de buques e mellora da xestión pesqueira; continuar subvencionando empresas de transformación, inclusión de liñas para o desenvolvemento tecnolóxico e elixibilidade de grandes empresas; promoción dos produtos do mar; e formación e aposta por I+D+I.

 

O deputado popular Alberto Pazos lembrou que a Comisión Europea difundía o 12 de xuño de 2018 a proposta dun novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que contará cun orzamento total de 6.140 millóns de euros. Este novo fondo estará centrado en catro prioridades: fomentar a pesca sostible e da conservación dos recursos biolóxicos mariños; contribuír á seguridade alimentaria na Unión Europea a través dunha acuicultura e mercados sostibles e competitivos; permitir o crecemento dunha economía azul sostible e fomentar comunidades costeiras prósperas; e fortalecer a gobernanza internacional dos océanos e habilitación de mares seguros, limpos e xestionados de forma sostible.

 

FONDO SIMPLIFICADO

 

“Galicia avoga por un fondo que sexa acorde e coordinado coa normativa europea; cunha estrutura específica para a pesca, o marisqueo, a acuicultura e a transformación; e orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca”, concretou o deputado popular. Ademais, engadiu que “facemos fincapé na necesidade dun futuro fondo de financiamento simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións”.

 

En canto á estrutura deste futuro fondo, Alberto Pazos defendeu “a necesidade de que sexa horizontal e común para aquelas cuestións integrais que requiren de actuacións xerais e coordinadas entre Estados ou rexións, como a Política Marítima ou o plan de Acción do Atlántico”.

 

“Concretamente, consideramos prioritario para este novo fondo de financiación o relevo xeracional; a adecuación ao esforzo pesqueiro, o apoio á mellora da organización e o reforzo do espírito de colectividade dos bens comúns que hai no mar para mellorar a súa xestión e explotación; e tamén manter a competitividade do sector transformador e a diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais”.

Síguenos nas redes sociais