Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo avoga por unir o voto no PP, para que haxa un goberno en España que tome decisións e resolva os problemas

19 Out 2019

19, outubro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o PP é a única opción para que haxa un presidente e non un candidato en permanente campaña electoral, e para que se dea prioridade a gobernar e non a cuestións partidistas.

Por iso, avogou porque todos os votos que en abril querían outro goberno e non obtiveron escano e de todos os daqueles que non queren que nin Pedro Sánchez nin Pablo Iglesias nin os partidos independentistas gobernen España,  se unan ao Partido Popular, para así mudar a situación dos últimos dezaseis meses: “O 10 de novembro hai unha posibilidade de cambiar España. Se unimos as forzas, haberá unha nova época o 11 de novembro”. Neste senso, o presidente dos populares galegos remarcou que gobernar é aprobar orzamentos, tomar decisións e non aprazalas, dar a cara e non deixar os problemas sen resolver, pagar o que se debe e non gastar máis do que se ten: “Gobernar é o que non se fai desde que Mariano Rajoy non está no Goberno de España”.

 

Por outra banda, referiuse, tamén, ao fastío dos españois, por estar convocados ás cuartas eleccións este ano, as cuartas xerais, en catro anos. Por iso, avogou por converter esa desgana en ganas de que haxa unha política que priorice os intereses de 47 millóns de españois e non só os dun candidato. E apuntou que “nunca en corenta anos” houbo tanta frivolidade nin tampouco un presidente que non gobernara, senón que se dedica só a “presidir o goberno”.

 

UN GOBERNO QUE GOBERNE COMO EN GALICIA

Durante un xantar mitin en Salceda de Caselas -que contou coa asistencia de máis de 300 afiliados e simpatizantes- e logo de visitar Vilagarcía, Feijóo subliñou que é preciso un Executivo central que exerza as súas funcións e puxo como exemplo a Galicia. Así, destacou que, un ano máis, a Xunta vén de aprobar, en tempo e forma, os Orzamentos para 2020. Unhas contas das que recalcou a gratuidade, por primeira vez, das escolas infantís para todas as familias con dous fillos, así como tamén a gratuidade do transporte público para os menores de 19 anos e a importante rebaixa fiscal.

 

Para o líder do PPdeG, “é un honra dicir” que Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda pública, que non pide diñeiro a ninguén e que é a máis áxil en pagar aos seus provedores: “O importante dun gobernante non é dicir que gasta moito, senón que gasta ben”.

 

Para rematar, Feijóo aproveitou para sinalar que o Goberno de España ten que tomar as medidas para que en Cataluña se recupere a normalidade. Considerou que, tras a actitude ilegal e violenta dos partidos independentistas, Pedro Sánchez debería comparecer para deixar sen efecto todas as coalicións electorais que mantén con formación que defenden a violencia. E aproveitou para enviar “un abrazo fraternal” aos policías hospitalizados por defender a convivencia en Cataluña.

Síguenos nas redes sociais