Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego esixe ao Goberno central un cambio na súa política enerxética para garantir a continuidade da central térmica das Pontes

23 Out 2019

Santiago, 23 de outubro de 2019. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, transaccionada co Grupo Socialista, a través da que se esixe ao Goberno Central que rectifique a súa política enerxética e tome as medidas necesarias que permitan garantir o funcionamento da central térmica das Pontes de García Rodríguez o tempo necesario para acadar unha alternativa viable, así como que proceda á negociación urxente dun convenio de colaboración para a posta en marcha da Estratexia de Transición Xusta en Galicia, como xa está a facer na maioría das comunidades autónomas, e que inclúa a Galicia nas axudas europeas para as zonas mineiras afectadas pola transición enerxética.

 

Así mesmo, demandase que desde o Ministerio de Transición Enerxética se realicen as xestións oportunas para incluír a Galicia na Platform on Coal and Carbon-Intensive Rigions e no Equipo-País, xa que a Comunidade galega cumpre claramente os requisitos esixidos para ser membro de ambas.   
Na súa intervención no Pleno, o deputado do Grupo Popular Diego Calvo Pouso afeoulles aos grupos da oposición a súa postura nesta cuestión e botoulle en cara aos socialistas que, despois de crear eles mesmos un problema “coa nefasta política posta en marcha pola ministra activista Teresa Ribera”, pidan agora cartos e solucións á Xunta de Galicia ou “utilicen en Galicia un discurso diferente ao que utilizan en Madrid”. Criticou, do mesmo xeito, que “nuns escenarios defendan a reactivación da central térmica e noutros a rexeiten”.

 

AUSENCIA SOCIALISTA NA CONCENTRACIÓN DE MADRID

 

Neste senso, lembrou que na concentración de protesta celebrada a pasada semana fronte ao Congreso dos Deputados chamou a atención a ausencia dos deputados socialistas galegos, cando “moitos alcaldes do seu partido acudiron a Madrid a pedir a reactivación inmediata da central”, algo que dende o grupo popular puxeron como condición indispensable para comezar a falar de plans futuros para a comarca das Pontes.

 

“Non imos admitir nada que non pase, en primeiro lugar, pola reactivación da fábrica”, aseverou Calvo, que insistiu en que “de nada vale a formación de grupos de traballo para a posta en marcha dun plan de axudas económicas cando quedan na rúa máis de 750 familias e cando o Goberno do PSOE está fundindo literalmente o sustento de toda unha comarca”.

 

Para Diego Calvo, “está claro que, desde a súa chegada ao poder, o goberno de Pedro Sánchez ten feito todos os movementos posibles para acelerar o peche da central das Pontes”. Neste sentido, lembrou que “a primeira sinal deuna a ministra de Transición Ecolóxica, que adiantou en 25 anos a data límite fixada pola normativa europea para o peche das centrais do carbón, ignorando os esforzos que, como no caso de Endesa, se estaban a realizar para rebaixar o nivel de emisións cun investimento de máis de 200 millóns de euros”. “E, posteriormente, nada se fixo para mudar esta política, a pesar da aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei que, o pasado 11 de setembro, esixía unha serie de medidas ao Goberno para evitar o peche da fábrica”, lembrou.

 

O deputado popular lamentou que os grupos da oposición no Parlamento galego “xa dean por pechada a fábrica” e centren os seus esforzos na elaboración dun plan para reactivar economicamente as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. “Nós, desde o Partido Popular non aceptaremos que As Pontes peche mentres en Europa seguen a funcionar un centenar de centrais térmicas de carbón. Merecemos unha transición xusta e non aceptaremos a radical que propón o PSOE”, matizou.

 

TRABALLAR NA MESMA DIRECCIÓN

 

Ademais, Calvo Pouso alertou sobre o que “por desgraza, parécese moito ao que os socialistas chamaron reconversión naval cando o que fixeron en Ferrol foi desmantelar un sector puxante que tivo que reflotar o PP desde o goberno da Xunta de Galicia”. Apelou por iso á responsabilidade do Parlamento galego para “traballar na mesma dirección”, porque “temos tempo para evitar un desastre e As Pontes non merece unha transición enerxética radical, inxusta e desordenada” cando hai moitos exemplos dunha forma de actuar ben diferente en toda Europa.

 

Finalmente, defendeu tamén que o Goberno Central active a negociación urxente dun convenio de colaboración para a posta en marcha da Estratexia de Transición Xusta en Galicia, como xa se está a facer na maioría das comunidades autónomas, e que inclúa a Galicia nas axudas europeas para as zonas mineiras afectadas pola transición enerxética.

 

“Pero, mentres tanto, non confiemos en promesas baleiras de axudas económicas e alternativas industriais como sucedeu xa con Meirama, en Cerceda, e non fiemos o futuro de toda unha comarca a un plan que aínda está sen empezar, porque a normativa europea permite que a central siga funcionando bastantes anos máis”, concluíu o deputado popular.

Síguenos nas redes sociais