Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “Co estatuto electrointensivo a Xunta volveu facer o traballo que non soubo ou non quixo facer o Goberno central”

25 Out 2019

25, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, co estatuto electrointensivo, “a Xunta volveu facer o traballo que non soubo ou non quixo facer o Goberno central”, e apuntou que, igual que aconteceu cos 700 millóns de euros -dos que aínda se lle deben 370 a Galicia- foi o Executivo autonómico quen propuxo solucións enriba da mesa a un problema que os socialistas non foron quen de arranxar.

 

Deste modo, o número dous dos populares galegos manifestou que, nestes meses, tanto no tema da débeda coma no da industria, o PSOE mentiu e desprezou as necesidades de Galicia, ríndose dos galegos en xeral e dos traballadores da industria en particular.

 

Nese senso, lembrou que o Goberno leva un ano anunciando un estatuto para os consumidores electrointensivos que permita fixar un prezo eléctrico competitivo para o noso tecido industrial -o pasado febreiro dixeron que en maio a máis tardar estaría aprobado- pero, fronte a estes reiterados incumprimentos, a Xunta decidiu tomar de novo a iniciativa e elaborou as liñas básicas que debe recoller este documento, que serán enviadas agora aos partidos políticos a nivel nacional para tratar de desbloquear esta situación.

 

Así, entre as medidas que propuxo o Goberno galego atópanse as de carácter fiscal, como a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores e a eliminación do céntimo verde ao carbón; a redución de cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso -trátase de axustar os custos de transporte ao resto de países europeos-; a ampliación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2; o fomento da contratación a longo prazo de enerxía eléctrica, de tal maneira que o consumidor poida asegurar o seu prezo do mercado eléctrico para un determinado volume; e recóllese como necesidade irrenunciable a incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo.

 

“Con todas estas medidas, sumadas á poxa de interrompebilidade, a industria electrointensiva galega poderá competir en igualdade de condicións co resto de Europa, situando o prezo do MW entre os 35 e os 40 euros”, aseverou Tellado.

 

Ademais, o secretario xeral subliñou que mentres a Xunta aproba un novo Orzamento en tempo e forma, aposta pola baixada de impostos, cumpre coas previsións de crecemento e de gasto, propón solucións para a industria electrointensiva e defende unha transición enerxética xusta e o emprego industrial; o Goberno de Sánchez segue prorrogando os PGE de Rajoy, opta por unha subida masiva da carga fiscal, recibe o aviso da Comisión Europea por desviarse o cuádruplo do permitido nos gastos, continúa escondendo o seu borrador do estatuto electrointensivo, toma todas as decisións políticas para o peche das Pontes e aposta por pechar ENCE e retrasar as fragatas F-110.

 

O RETRASO DO AVE, UN NOVO AGRAVIO

Por outra parte, Tellado referiuse ao novo retraso anunciado nas obras do AVE a Galicia, lamentando que o Goberno central entenda esta cuestión como un tema partidista e que se respondese á petición de información da Xunta con insultos.

 

“Esiximos que o Goberno sexa claro: Ou o AVE está funcionando en probas antes de acabar 2019 ou admite que son os culpables dun novo retraso, e xa van moitos”, dixo pedindo que se deixe de insultar aos galegos e que os líderes do PSdeG paren de defender a un Executivo que non deixou de agraviar á nosa Autonomía desde que tomou posesión.

 

De igual xeito, afeou que, unha vez máis, o delegado do Goberno na Comunidade, que debería ser o primeiro en defendernos e reivindicar que se nos trate con xustiza, “compórtase como o delegado de Ferraz en Galicia e utiliza o seu posto para facerlle oposición a quen defende de verdade os intereses dos galegos e galegas”.

 

O MODELO QUE ESPAÑA NECESITA

Doutra banda, Miguel Tellado resaltou que o PPdeG estará representado na Unión Interparlamentaria que os populares celebrarán mañá en Alicante mediante os seus deputados autonómicos, os seus deputados nacionais e os seus senadores, un evento que contará tamén coa presenza de Alberto Núñez Feijóo, que intervirá nunha das mesas de debate xunto cos outros presidentes de gobernos autonómicos do PP.

 

Como sinalou, os populares galegos demostrarán que “neste partido hai un modelo de xestión alternativo ao que hoxe supón a suma dos socialistas, dos nacionalistas e de Podemos”, engadindo que se basea na aposta polo crecemento económico e o emprego, na mellora dos servizos sociais e no rigor e o sentidiño na xestión. “Ese é o gran valor do PP, un modelo que merece e que necesita a España de hoxe”, sentenciou.

 

Por último, o secretario xeral anunciou o apoio do Partido Popular de Galicia á concentración que se celebrará este domingo na Coruña en defensa da Constitución e da convivencia en Cataluña.

Síguenos nas redes sociais