Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “Sánchez tivo ao país agardando seis meses para resolver o seu futuro persoal, pero os problemas de Galicia non poden esperar”

15 Nov 2019

15, novembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que, malia que Pedro Sánchez tivo a todo un país esperando seis meses para resolver o seu futuro persoal, os problemas de Galicia non poden agardar.

 

Deste modo se expresaba referíndose ao anuncio do acordo de Goberno asinado entre o PSOE e Podemos, "ese xa chamado Pacto do Insomnio, porque aparentemente terá a Sánchez uns meses sen durmir". Segundo asegurou, desde o primeiro día dese Executivo, "seguiremos esixindo o cumprimento dos 25 puntos da Axenda Galega que presentou Feijóo hai dúas semanas".

 

De feito, fixo fincapé en que Galicia necesita o compromiso do Goberno central cun financiamento xusto, coa industria e unha transición ecolóxica xusta, coas infraestruturas, coa chegada AVE, co Xacobeo 2021 e co naval. "Os galegos saben que tanto na Xunta como no PPdeG existe este compromiso, polo tanto estaremos vixiantes ante cada desprezo e cada incumprimento", insistiu.

 

SÁNCHEZ E IGLESIAS RÍRONSE DOS ESPAÑOIS

Así mesmo, o número dous do PPdeG criticou que tanto Pedro Sánchez como Pablo Iglesias se estivesen rindo dos españois seis meses "sen ningún pudor", mentindo, mantendo ao país bloqueado e dilapidando 140 millóns de euros de todos os cidadáns. "Conseguiron en 36 horas o que non conseguiran nos 196 días anteriores", indicou recoñecendo que moitos españois, incluso votantes do PSOE e de Podemos, deben de sentirse fondamente insultados.

 

Ao respecto, subliñou que o Executivo que propoñen non vai ser estable nin fiable e que provocará que o país estea secuestrado por todos aqueles que queren que lle vaia mal. "Non pode ser bo para España un Goberno no que os que marquen a súa folla de ruta sexan Rufián, Otegi e Torra", resaltou.

 

Igualmente, Tellado admitiu que, “se queda algún dirixente responsable con mando no Partido Socialista, debería evitar este disparate histórico que é a coalición con Podemos e os independentistas”, aseverando que non é casual que a meirande parte dos dirixentes que edificaron o PSOE se posicionen en contra deste pacto como González, Javier Fernández ou Rodríguez Ibarra.

 

“Sánchez xa escolleu compañeiros de viaxe e nin sequera quixo falar de nada co PP pero cremos que estamos a tempo e, se rompe con Podemos, hai tempo para volver a intentalo”, manifestou definindo este escenario como “extraordinariamente complexo” en materia económica e territorial e alertando do perigo de optar pola vía da radicalidade, a ruptura e a inestabilidade.

 

Nese senso, precisou que, se o primeiro Executivo de Sánchez foi malo para España, aínda foi peor para a nosa Comunidade. "De aí que o PSdeG recibise aquí un castigo especial, ao perder máis porcentaxe de voto do que perdeu o PSOE no conxunto de España, e de aí que o PPdeG subise máis en Galicia do que subiu o PP nacional, pese a que partise xa dunha posición de maior porcentaxe de voto en abril", explicou.

 

BUSCAR A EXCELENCIA

Por outra banda, Tellado falou do Comité de Dirección que os populares celebrarán esta tarde para analizar os resultados electorais, identificar posibilidades de mellora e decidir o rumbo que debe tomar o partido nos seguintes meses. “Desta volta, acometemos esta reunión moderadamente satisfeitos, porque cremos que fixemos un bo traballo e porque entendemos que nestas eleccións cumprimos os obxectivos que nos marcamos”, dixo.

 

Como lembrou, melloráronse os resultados con respecto a abril: subíronse 19.000 votos e 4,5 puntos. Ademais, o PPdeG acadou un deputado e tres senadores máis, volve ser a lista máis votada en Galicia e obtivo maioría absoluta de representantes entre as dúas Cámaras porque, de 39 escanos a escoller na Comunidade, os populares acadaron 21 entre deputados e senadores.

 

“Somos un partido humilde, que non se pode conformar con cumprir os seus obxectivos e que debe buscar sempre a excelencia”, remarcou o secretario xeral. Por este motivo incidiu en que, “mentres outros celebran ter perdido as eleccións e 68.000 votos en 6 meses -350 ao día- e están encantados coa súa derrota, desde o PPdeG comezamos a traballar desde xa con ilusión, ganas e determinación para volver ser merecedores da confianza maioritaria dos galegos a próxima vez que teñan que acudir ás urnas”.

Síguenos nas redes sociais