Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo pide á mocidade que non se deixe levar polos que queren sometela “no pensamento único”

30 Nov 2019

30, novembro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu á mocidade galega que non se deixe levar polos que queren “silenciarvos e sometervos nese pensamento único”.

Durante o acto con motivo do día do afiliado de Novas Xeracións, o presidente dos populares galegos remarcou, fronte aos políticos que se arrogan o dereito de monopolizar a voz da mocidade, o seu respecto profundo pola xente nova. Así, indicou que “non hai maior desprezo” que pretender falar no seu lugar, controlala, trasladar a falsa premisa de que é monolítica, que toda pensa igual coma se fose fotocopias e que a súa idade determina as súas ideas.

 

É e que, tal e como dixo o líder do PPdeG, calquera persoa que aspire a representar á xuventude ten que escoitala, xa que as súas inquedanzas son igual de lexítimas que as dos maiores, as súas ideas merecen ser debatidas e as súas preocupacións, atendidas desde as institucións.

 

UN GOBERNO QUE MIRA POLO FUTURO DOS MOZOS

Ante máis de cen mozos e mozas e tras recibir o carné honorífico da formación xuvenil, Feijóo salientou que hoxe “ser mozo en Galicia é moito máis doado do que era na época da recesión económica”. Así, fixo fincapé en que as taxas universitarias levan anos conxeladas, hai máis opcións que nunca en Formación Profesional, hai máis emprego e facilidades para quen queira vivir e traballar no rural, así como tamén máis posibilidades para os emprendedores e máis axudas para emanciparse e formar unha familia. Dixo que o PPdeG, ante a indignación da mocidade nos momentos máis duros da crise, ofreceu solucións para un futuro mellor, a diferenza doutros partidos que viron a oportunidade de axitar, crispar e enfadar.

 

Neste punto, recordou que, nos momentos máis duros da crise, a xuventude saíra á rúa indignada pola situación política daquel momento. E recalcou que os que querían tombar ao goberno socialista por aquel entón son agora os seus aliados e os que loitan por ministerios. 

 

Tal e como apuntou Feijóo, “nunca será moderno nin xuvenil nin progresista revivir vellas ideas” do pasado que quedaron acreditadas que non funcionaron e que tampouco van funcionar no futuro. Neste senso, indicou que nin Podemos, que leva no seu interior ao Partido Comunista, pode dar leccións de modernidade e de progreso; nin o BNG, que defende hoxe as mesmas ideas que hai corenta anos, é unha opción ilusionante para a mocidade; nin tampouco o PSOE, que presumía de honradez e que hoxe conta coa sentenza máis dura en canto á utilización de diñeiro público.

 

O PPDEG, O QUE MELLOR REPRESENTA Á MOCIDADE

Segundo Feijóo, o partido que mellor representa á mocidade é o PPdeG: un partido inconformista, de xestión e de ideas, sen complexos, que mira cara adiante e que coñece a Galicia e se preocupa por ela.

 

Así mesmo, referiuse aos que, por unha banda, din que o PPdeG é españolista radical e os que, por outra, o consideran progresista: “Somos simple e orgullosamente galegos, españois e europeos”. E engadiu que o PPdeG sabe defender a Galicia en galego e en castelán, o mesmo tempo que sabe defender a España en castelán e en galego. Feijóo recalcou, ademais, que non van aceptar leccións de ningún partido que nos quere aleccionar.

 

Feijóo pediu á mocidade que non se deixen seducir polos cantos de serea, nin de babor nin de estribor, nin tampouco resignarse; ao tempo que dixo que o PPdeG estará sempre fronte a aqueles que pretenden disfrazar de modernidade o que son ideas caducas e de retroceso. E resaltou que “no ADN do PPdeG está a evolución o progreso e os cambios”. “É -engadiu- o partido dos innovadores, dos emprendedores, dos estudantes e dos idealistas”.

 

Para rematar, fixo fincapé en que o PPdeG é a opción política ideal para os que queren mellorar o mundo, comezando por Galicia e por España. Algo que non se acada nin berrando máis forte nin queimando colectores de lixo nin rachando a lei, senón innovando e arriscando para facer realidade os proxectos, esforzándose cada día e actuando segundo uns ideais para mellorar as normas.

Síguenos nas redes sociais