Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular asegura que o peche do paritorio de Verín “é unha decisión estritamente profesional, non política nin económica”

02 Dec 2019

Santiago, 2 de decembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que a decisión de pechar o paritorio do Hospital de Verín “non é unha cuestión política nin por criterios económicos, senón estritamente por criterios profesionais co único obxectivo de garantir a saúde e a vida das nais que dan a luz e dos seus fillos”.

Neste sentido, lamentou que os grupos da oposición estean a criticar a decisión dos responsables médicos e cuestionou se estarían dispostos a manter este servizo en Verín “coa advertencia en contra dos técnicos do servizo de pediatría polo risco para a saúde das nais e dos seus fillos”.

 

Pedro Puy incidiu que “no Grupo Popular temos moi claro que a decisión sobre o paritorio do Hospital de Verín, como todas as demais que se adoptan en relación cos servizos sanitarios, ten o único obxectivo de garantir a saúde e a vida neste caso das nais que dan a luz e dos seus fillos”. Así, afirmou que “poucos dubidaríamos en elixir a opción hospitalaria que mellor garante a saúde da nai e dos fillos no momento de dar a luz”

 

“Nós estamos detrás dun Goberno que tomou unha decisión que non é política nin económica, senón dirixida única e exclusivamente a garantir o mellor posible a saúde das nais que dan a luz e dos seus fillos na comarca de Verín”, sinalou o portavoz popular, que se amosou confiado que “ao final a xente se poña nese lugar e escollan onde prefiren que se dea a luz: no lugar que recomendan os responsables médicos e que mellor garante a saúde da nai e do bebé, ou no lugar que por maior comodidade poida parecer máis próximo”.

 

ESTAR AO DÍA NA PRÁCTICA

 

Puy explicou que “para prestar un bo servizo pediátrico, particularmente no parto, se require estar ao día na práctica”, polo que no caso do Hospital de Verín os responsables médicos “aconsellan que, dado o enorme descenso da natalidade nesta comarca e para garantir a saúde das parturientas, o servizo se atenda onde hai especialistas coa mellor capacidade”.

 

Deste xeito, Puy afirmou que “se está actuando con absoluto sentido común”, polo que indicou que “chama a atención que forzas políticas que queren acceder ao goberno critiquen a decisión dos técnicos”. “A oposición hai que exercela con responsabilidade”, sinalou, para cuestionar “se estarían dispostos a manter o paritorio de Verín coa advertencia en contra do risco para a saúde das nais e dos fillos dos responsables médicos”.

 

DESCULPAS DA OPOSICIÓN

 

Pedro Puy criticou que “aínda non temos escoitado ningunha desculpa por parte dos grupos da oposición despois do auto publicado a semana pasada que arquivaba a causa contra responsables do Sergas pola hepatite C. “Restituír a honorabilidade das persoas non vai coa oposición galega”, lamentou o portavoz popular, quen lembrou outros casos como a dos responsables da Consellería de Facenda, por un presunto caso de acoso inmobiliario que a Xustiza acreditou que non foi tal; a do director xeral de Montes, por unha adxudicación que un auto xudicial acabou cualificando como “ponderada e axustada”; ou a do ex delegado da Xunta en Ourense, por un caso que foi xulgado e tivo sentenza totalmente absolutoria.

 

Respecto da sesión plenaria que se celebra mañá, o portavoz popular lembrou que se procederá ao debate para a aprobación do proxecto de lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, así como as proposicións non de lei do Grupo Popular para que o Goberno central elimine a limitación das prazas de reposición non sistema sanitario público e convoque novas poxas de enerxías renovables para permitir aumentar a potencia eólica instalada en Galicia.

Síguenos nas redes sociais