Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: "Un Goberno con estabilidade e orzamentos está sendo capaz de mellorar os datos de desemprego do conxunto do Estado”

03 Dec 2019

3, decembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que un Goberno con estabilidade e con orzamentos, como o de Galicia, está sendo capaz de mellorar, ano tras ano, os datos de desemprego do conxunto do Estado. Así se expresaba tras publicarse os datos do paro de novembro que reflicten que, na evolución anual, baixa na Comunidade a maior ritmo que en España e que somos a quinta Autonomía na que máis descende.

 

Cómpre desatacar que Galicia amosa un comportamento mellor que hai unha década, co desemprego caendo un 2,76%, baixando xa sete anos de xeito consecutivo -dous de cada cinco desempregados abandonaron as listas do paro nos últimos sete anos- e “situándose a niveis inferiores aos de hai 11 anos, é dicir, aos de antes da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta”, dixo.

 

O número dous dos populares galegos contrapuxo a nosa situación coa de España e aseverou que, “se o PSOE sempre é sinónimo de paro, un Goberno de socialistas, Podemos e independentistas será sinónimo de inestabilidade, de perda de inversións e destrución da economía”.

 

Así mesmo, salientou que a Comunidade continúa creando emprego e segue superando o millón de afiliados á Seguridade Social cun aumento do 1,36% -cunha media de 38 novos afiliados ao día-, sendo xa máis de 5 anos e medio de subas consecutivas na que rexistramos unha evolución positiva nas cotizacións e seis de subas interanuais nun mes de novembro. Igualmente, o desemprego baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta e, de feito, nos menores de 30 anos e nas mulleres rexistrase a cifra máis baixa nun mes de novembro de toda a serie histórica.

 

 “Estes datos son un reflexo do que acontece cun Executivo responsable, estable e que dá certezas”, indicou Tellado mentres auguraba que, se Pablo Iglesias vai ser o que deseñe a política laboral española, “agárdannos moitos meses de aumento de paro e de caída das afiliacións á Seguridade Social”.

 

No que respecta á evolución mensual, malia que o paro sobe un 0,82%, é a terceira menor subida nun mes de novembro -onde adoita subir o desemprego- das dúas últimas décadas.

 

COMPROMETIDOS COA CREACIÓN DE EMPREGO

"Temos receitas para contrarrestar o efecto Sánchez de ralentización da economía e destrución de postos de traballo", subliñou Tellado poñendo en valor que a Xunta, a través da Axenda 20, aposta pola recuperación do mercado laboral e por impulsar en Galicia o emprego de calidade.

 

Nese senso, apuntou que nas vindeiras semanas convocarase unha nova edición do programa Galicia Emprega, ao que se destinará 10,5 millóns de euros -un 12% máis que en 2019- para a formación e a contratación de máis de 1.100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.

 

Tellado fixo fincapé na liña destinada ás persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, que inclúe incentivos de 8.000 euros para a contratación inicial deste colectivo e de 16.000 euros para os contratos indefinidos. Cunha previsión de beneficiarios é de 185 persoas, o orzamento deste programa para o 2020 ascende a máis de 2,2 millóns de euros.

 

“Hoxe é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade”, lembrou o secretario xeral explicando que “para o Goberno galego este colectivo non é só un dos prioritarios un único día senón todos os do ano”, e engadiu que contará tamén cun novo programa de formación dual que comezará este mesmo mes. En concreto, precisou que seis centros especiais de emprego ofrecerán a 60 persoas con discapacidade intelectual un contrato para a formación e aprendizaxe de tres anos de duración e obterán un certificado de profesionalidade.

Síguenos nas redes sociais