Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado lamenta que Pedro Sánchez premie a dúas das ministras que máis castigaron a Galicia

10 Xan 2020

10, xaneiro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “mal empeza Pedro Sánchez premiando cunha vicepresidencia á ministra que pechou a central das Pontes e premiando coa portavocía do Goberno á ministra de Facenda, que non foi quen de pagar o que lle debe á nosa Comunidade”. “Semella que para o presidente do Goberno é un mérito facerlle dano aos intereses de Galicia. Será por iso polo que parece ter en tanta estima a Gonzalo Caballero”, engadiu.

 

Así se expresaba na súa comparecencia en rolda de prensa, na que recoñecía que desde o PPdeG seguirán sendo igual de esixentes co Goberno Sánchez-Iglesias do que o foron co de Sánchez ou co de Rajoy. Nese senso, explicou que continuarán defendendo sempre as cuestións prioritarias para Galicia, como a chegada do AVE para o Xacobeo 2021 e o apoio ao Ano Santo,  a axilización da carga de traballo para o naval, o compromiso cunha transición enerxética xusta e cun orde, e un novo sistema de financiamento autonómico máis xusto e equitativo.

 

“Traballaremos para que Galicia volva ser unha illa de estabilidade e rigor na xestión dentro da inestabilidade política de España”, sinalou mentres subliñaba que os populares agardan que os socialistas galegos, Podemos e o BNG non sigan sendo cómplices, como o foron ata agora, dos agravios que o Executivo de Sánchez ten perpetrado contra a nosa Comunidade, “nin dos que seguro que perpetrará no futuro”.

 

Deste modo, destacou que, desde Galicia, seguirán sendo firmes na súas reivindicacións pero leais aos galegos e tamén ao interese xeral de España. “Seremos moito máis leais aos intereses deste país do que o son calquera dos socios que escolleu Sánchez”, insistiu.

 

Por outra banda, o número dous do PPdeG amosouse sorprendido de que, logo dun período de case 11 meses de Goberno en funcións, Sánchez quixese sacar adiante a súa investidura con tanta rapidez, algo que, como salientou Tellado, evidencia que non tomou esta decisión pensando nos intereses dos españois, senón nos seus persoais.

 

Para o secretario xeral, tanta présa por convocar a investidura e tan pouca porque o seu Goberno tomase posesión só se pode fundamentar en dous motivos: “Na fraxilidade do acordo porque é insuficiente para aprobar ningunha Lei ou uns Orzamentos, pola súa dependencia do independentismo e polas desconfianzas mutuas con todos os seus socios, especialmente con Podemos; e na frivolidade do presidente porque só así se pode entender que agora semelle querer demostrarlle aos seus socios que é el o que manda, cando está claro que este Goberno é refén de Podemos, de Junqueras e de Otegi”.

 

É MOI DIFÍCIL SER OPTIMISTAS

Segundo admitiu Tellado, os problemas da nosa Comunidade, igual que os do resto de España, non poden agardar, polo que afeou que Sánchez volvese a desperdiciar a oportunidade de celebrar un Consello de Ministros hoxe para abordar temas importantes e urxentes como a parte da débeda de 700 millóns que o Goberno central aínda non lle pagou a Galicia, a aprobación do Estatuto das empresas electrointensivas ou o freo á subida das peaxes na AP-9.

 

“En funcións ou con plenos poderes, Sánchez segue perdendo o tempo e facéndollo perder aos galegos”, apuntou resaltando que é moi difícil ser optimista cun Goberno que realmente van ser alomenos dous e que fixo todo o camiño ata aquí baseándose na mentira e en prometer exactamente o contrario do que acabaría aprobando.

 

Malia isto, o secretario xeral remarcou que resulta paragóxico que neste momento haxa un país enteiro desexando que o presidente do Goberno teña mentido, pois prefiren que engane aos seus socios para conseguir o poder pero que acabe por non darlles o que lle piden. “Houbo un tempo no que aos españois lles preocupaba que o seu presidente mentise. Agora case sería o desexable”, sentenciou.

Síguenos nas redes sociais