Santiago, 2 de xaneiro de 2017.- O Grupo Popular pretende, a través de emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación para 2017, que as medidas provisionais de ordenación urbanística que aproben os concellos co seu plan xeral anulado xudicialmente se manteñan en vigor só se estes concellos cumpren o compromiso de ter presentado o borrador da nova ordenación urbanística no prazo de un ano, telo aprobado inicialmente en dous anos e telo aprobado provisionalmente en tres anos.
Santiago, 30 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu este venres unha rolda de prensa na que sinalou o 2017 como “punto de partida” para que os populares comecen a construír unha alternativa naqueles concellos afectado pola “parálise causada por gobernos inoperantes”. Así, valorou o 2016 como o ano no que quedou demostrado que “existen dous modelos de xestión posible: o das Mareas de Podemos, con socialistas e nacionalistas facéndolles seguidismo; e o do Partido Popular”.
Santiago, 29 de decembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que asuma o compromiso de comunicar as resolucións sobre peches precautorios ou definitivos das distintas pescarías reguladas no plan de xestión do caladoiro nacional cantábrico e noroeste como mínimo con 48 horas de antelación á data e horario en que teñan efectividade e sempre antes das tres da tarde.
Ferrol, 29 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu este xoves unha rolda de prensa na que lamentou a “completa parálise” na que se encontraron neste 2016 que está por rematar as cidades gobernadas polas Mareas. Así, lembrou a incapacidade dos alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol para lograr acordos e sacar adiante os orzamentos municipais, cos problemas que iso supón para os investimentos nas súas urbes. Neste sentido, subliñou que ve aos tres rexedores “máis preocupados por xogar á política autonómica que por gobernar as súas institucións”.
Santiago, 29 de decembro de 2016.- O deputado do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, reiterou hoxe no Parlamento “o compromiso do actual Goberno galego para paliar a situación de inseguridade existente no porto de Laxe, ofrecendo aos mariñeiros e ás súas embarcacións un refuxio fiable e adecuado coa realización das actuacións oportunas”. Neste sentido, lembrou que a colaboración existente entre a Xunta, autoridades locais e Confraría de Pescadores para levar adiante un proxecto que segue coa súa tramitación administrativa e mantén a consignación orzamentaria.
Santiago, 28 de decembro de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a iniciar a oferta rutineira da proba do sida ás persoas entre 15 e 59 anos que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde. “Mellorar o diagnóstico precoz, unido á oportunidade de control da infección que nos ofrece o tratamento antirretroviral, permítenos contribuír a acadar as metas fixadas pola Estratexia Onusida e ser optimistas para un próximo futuro”, manifestou a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo.
Santiago, 28 de decembro de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta ao Ministerio de Fomento para que priorice os investimentos que garantan a modernización e faciliten a conexión de Lugo cos servizos de alta velocidade ferroviaria. “Lugo non pode quedar illada e á marxe das vantaxes e os efectos loxísticos e económicos que a alta velocidade produce alí onde chega”, sinalou a deputada popular Julia Rodríguez, quen lamentou que En Marea e BNG non apoiaran esta iniciativa.
Santiago, 27 de decembro de 2016.- A deputada do Grupo Popular Lupe Murillo criticou hoxe no Parlamento que o BNG solicite o peche de ELNOSA “sen propor aos cidadáns de Pontevedra unha alternativa de traballo para todas as persoas que pretenden mandar ao paro”. Neste sentido, lembrou que “non corresponde á Xunta o inicio dos trámites de cese de ningunha actividade industrial, sempre e cando esta actividade se estea a realizar amparada polo marco xurídico vixente, ao tempo que é competencia da Administración Xeral do Estado conceder ou denegar a ampliación das concesións de ocupación de terreo en dominio público marítimo-terrestre”.
Santiago, 27 de decembro de 2016.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, asegurou hoxe no Parlamento que “no momento actual non existe impedimento legal de celebrar concertos con centros con opción educativa diferenciada por sexos”. “O sistema educativo deseñado pola Constitución aséntase sobre os principios de programación e participación, que, debidamente conxugados, son os que permiten garantir o equilibrio entre o dereito á educación, a liberdade de ensino e o dereito a escoller centro dentro da oferta de postos escolares gratuítos”, apuntou. César Fernández lembrou que “tanto a lexislación educativa vixente como sentenzas sobre educación diferenciada avalan a posibilidade de concertar aos centros de educación diferenciada por sexo”. En concreto, puxo en valor o Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, que consta de 28 obxectivos e 87 medidas e réxese por catro principios fundamentais: introducir a igualdade de xénero como un elemento transversal e sempre presente na actividade educativa; construír unha sociedade igualitaria empregando a educación como medio; buscar o obxectivo violencia cero nas aulas e na sociedade; e educar na integración plena de todas as persoas, por riba da súa opción afectiva ou sexual.   Así mesmo, o portavoz…

Síguenos nas redes sociais