Novembro 2017

Novembro 2017 (60)

San Cibrao das Viñas, 30 de novembro de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, acompañado dos deputados Marta Nóvoa, Cristina Romero e Moisés Blanco, visitaron esta mañá o concello ourensán de San Cibrao das Viñas, do que sinalou que é “unha mostra do que queremos que sexa toda Galicia e toda a provincia de Ourense”. “É un territorio con grande actividade industrial, no que hai xente nova, medra a poboación e en definitiva, hai futuro, grazas ás empresas que apostan polo país e gracias a unhas administracións que están ao seu carón para axudalas”, sinalou.

Santiago, 29 de novembro de 2017.- O PPdeG solicita aos socialistas galegos que arranxen as disputas insolidarias que se están xerando no seu partido polo reparto de auga. A decisión do Concello de Ponte Caldelas de convocar unha manifestación en contra de bombear recursos hídricos cara a área de Vigo amosa non só unha grave falta de sensibilidade ante as necesidades que ten a poboación desa zona senón que denota unha falta de compañeirismo evidente entre rexedores e compañeiros de partido.

Santiago, 29 de novembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a estudar, nos primeiros meses de 2018, a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido.

Santiago, 29 de novembro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, amosou hoxe “o firme compromiso” da Xunta de Galicia coa construción do novo centro de saúde en Melide “en canto se solucionen os trámites urbanísticos pendentes” respecto da parcela na que se localizará este novo edificio.

Santiago, 29 de novembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Soraya Salorio avanzou hoxe a previsión de que o centro de atención diúrna da residencia asistida de maiores de Oleiros estea rematado para o mes de xuño do vindeiro ano 2018. Unha vez rematado o acondicionamento deste centro, procederase ao arranxo de chans da residencia por fases, co obxectivo de non pechar listas nin evacuar residentes cunha situación de especial vulnerabilidade.

Santiago, 28 de novembro de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana avanzar na humanización na prestación dos servizos sanitarios e a conservación e difusión da toponimia tradicional galega. Respecto da constitución esta tarde da Comisión de estudo sobre política forestal e incendios, o portavoz popular Pedro Puy indicou que “nós imos con ánimo construtivo” e confiou que “alomenos no fundamental nos poñamos de acordo para mellorar a normativa e loitar contra os incendios”.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, Puy informou que na sesión plenaria debaterase a aprobación de dos novos textos lexislativos: a Lei de portos de Galicia e a proposición de Lei de medidas de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica. Así mesmo, está prevista a comparecencia do conselleiro de Educación para informar do inicio do curso escolar no ensino non universitario.

 

DÚAS PROPOSICIÓNS NON DE LEI

O Grupo Popular defenderá neste Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo avanzar na transformación dos servizos sanitarios promovendo a súa humanización, tanto a través da capacitación científico-técnica dos profesionais como da aproximación humana ao paciente, digno de respecto e consideración.

 

En segundo lugar, o Grupo Popular demanda á Xunta afondar na conservación e difusión da toponimia oficial galega, nomeadamente a través dos traballos de xeorreferenciación do nomenclátor e a microtoponimia.

 

No apartado de preguntas ao Goberno, os deputados do Grupo Popular cuestionarán sobre a valoración da Xunta da situación de seca na demarcación Galicia-Costa e as medidas que se teñen tomado en coordinación cos concellos; sobre as mellores que ten experimentado o Hospital do Salnés desde a entrada en funcionamento do sistema de estruturas de xestión integrada; e sobre o programa Reconduce de prevención e abordaxe das situacións das persoas e familias en risco grave de desafiuzamento.

 

VER OS PROBLEMAS DA POLÍTICA FORESTAL

Pedro Puy referiuse, a continuación, á constitución esta tarde da Comisión especial de estudo de reformas da política forestal e de prevención e extinción de incendios, destacando “a súa rápida posta en marcha, unha vez se aprobou no Pleno celebrado a pasada semana”.

 

A modo de avance, o portavoz popular dixo que está previsto a celebración dunha nova reunión desta comisión o vindeiro 13 de decembro para a aprobación das normas de funcionamento e outra o día 27 de decembro para aprobar o plan de traballo que fixe a documentación, informes e comparecentes que se soliciten.

 

Puy reiterou que o Grupo Popular “imos con ánimo construtivo” e apuntou que “non se trata tanto de facer unha análise cara atrás senón de ver onde están os problemas que impiden rendibilizar o monte e que algunhas das normas que están en vigor non se aplican coa intensidade necesaria para mellorar a loita contra os incendios”.

 

Neste sentido, indicou que, á vista das emendas presentadas ao proxecto de Lei de acompañamento dos orzamentos para 2018, “existen medidas semellantes” por parte dos grupos parlamentarios, polo que avogou porque “alomenos no fundamental nos poñamos de acordo para darlle continuidade ás políticas e que se poidan poñer en práctica”.

Santiago, 27 de novembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe o debate para a súa aprobación no Pleno que se celebra a vindeira semana de dous novos textos lexislativos: o proxecto de Lei de portos de Galicia e a proposición de Lei de pobreza enerxética. Sobre esta última, considerouna “acaída porque permite que sexamos unha das primeiras comunidades autónomas que adapta a normativa autonómica á estatal para facela máis forte e garantista dos dereitos dos consumidores vulnerables, blindando o pago do 50 por cento do seu recibo da luz e que non se lles poda cortar o subministro eléctrico en ningunha circunstancia”.

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou esta mañá durante o acto de entrega de carnés aos novos afiliados que “o único carné que importa á hora de gobernar é o de militante de Galicia”.

 

Alí, o líder dos populares galegos lembrou que os efectos da recesión económica que sufrimos hai uns anos trouxeron consigo unha crise social e política, provocando tamén outra de credibilidade que deu lugar ao rebrote dos populismos e á radicalización das posturas. Así, mentres a economía comezou a mellorar, a confianza da xente nos seus representantes non creceu ao mesmo ritmo.

 

Por este motivo puxo en valor o labor dos novos afiliados, os expoñentes de que “a política útil pode volver ilusionar” e que saben que, en política, “a preposición máis útil é con e nunca contra”.

 

Segundo Feijóo, os éxitos electorais dos populares demostran que son o partido que máis se parece “a esta Galicia plural e diversa” e que a política multiplica a súa utilidade cando logra que os cidadáns traballen xuntos polos obxectivos que todos compartimos, como son o progreso do país e o benestar para as nosas familias.

 

No seu discurso, o presidente remarcou que, a diferenza doutros partidos, “a nós gústanos a Galicia real”, a que fala galego e castelán, que é urbana e rural, e que é á vez galega, española e europea. “Non queremos a Galicia ficticia que debuxan os discursos da oposición, estamos orgullosos da Galicia real”, destacou.

 

De igual modo, recoñeceu sentirse moi orgulloso de presidir o seu partido, indicando que a súa prioridade, a súa guía e o seu referente segue sendo Galicia. Neste sentido, contrapuxo o que pode dar á cidadanía a súa formación, ofrecendo estabilidade fronte a un PSOE desnortado; e responsabilidade fronte ao partido mutante que representan Podemos e Anova.

 

E é que, para Feijóo, as únicas forzas políticas de Galicia que a xente sabe con certeza o que pensan son o Partido Popular e o BNG, claramente independentista e radical de esquerda. “Por iso cada vez que hai eleccións, o PPdeG sube e o BNG baixa”, admitiu.

 

 

UN PARTIDO NATURALMENTE DIVERSO

Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que o Partido Popular é naturalmente diverso, “diverso como Galicia”. Igualmente subliñou que para entrar no partido “só esiximos ganas de traballar para facer unha Galicia mellor”.

 

Nese senso, manifestou que cando algúns din que no PPdeG non hai xente nova están a expresar un desexo, non unha realidade.  Dirixíndose aos mozos alí presentes, “que non calan ante o pensamento único”, o presidente destacou que a mocidade é demasiado valiosa como para deixala nas mans dos que queren moldeala ao seu antollo. “Galicia non pode permitirse que a súa mocidade se vaia do interese político”, dixo.

 

Así mesmo, sinalou que o que fai realmente grande a unha organización política é a súa xente e as súas ideas. E neste aspecto, Feijóo apuntou que os populares teñen moi claro o que son: “Somos un partido de maiorías porque preferimos poñer en valor o que nos une que exaltar o que nos separa”.

Santiago, 24 de novembro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que este ano a oposición rachase o consenso contra a violencia machista para intentar desgastar ao Goberno galego. “Cremos que hai temas que merecen altura política e certos partidos neste punto equivocáronse”, subliñou.

Santiago, 23 de novembro de 2017.- O viceportavoz parlamentario do Grupo Popular, Miguel Tellado, reiterou este xoves o compromiso que os populares mantiveron nas últimas décadas co sector da construción naval, e tachou o discurso de En Marea de “insultante” e “froito dun profundo descoñecemento da realidade” da comarca.

Páxina 1 de 5

Síguenos nas redes sociais