Miranda anuncia que os populares remitirán hoxe aos concellos galegos unha moción para que o Goberno central non recorte poder adquisitivo aos 115.000 galegos afectados por esa decisión
O voceiro do PPdeG salienta que mentres “Feijóo sube as pensións, Zapatero báixaas”
• Pide coherencia ao PSOE e a Manuel Vázquez, xa que se fai dous meses recortar poder adquisitivo aos pensionistas era un erro, en palabras de Miranda, deben dicir exactamente o mesmo hoxe da decisión de Madrid
• Acusou a Zapatero de endosarlle de forma inmisericorde aos pensionistas galegos a factura da crise e de non conformarse con querer facer traballar máis aos galegos, senón tamén de querer que cobren menos
• Lamenta que o diñeiro da Xunta non sirva para mellorar a vida dos galegos senón para evitar que Zapatero as empeore con iniciativas como a de baixar as pensións
Santiago de Compostela, 2 de febreiro 2010.- O voceiro do Partido Popular de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, fixo fincapé hoxe en que mentres “Feijóo sube as pensións, Zapatero báixaas” en alusión á recente iniciativa do Goberno central.
Nesta liña, o popular anunciou que os populares remitirán hoxe mesmo aos concellos galegos unha moción pedindo que o Goberno central non recorte poder adquisitivo aos 115.000 galegos afectados pola iniciativa.
Con respecto a isto, o popular lembrou cómo fai só uns meses o Goberno galego avanzou que ía empregar os fondos destinados en 2009 a completar as pensións non contributivas en mellorar a atención aos receptores de ditas axudas pero non a efectuar pagos directo. Esta iniciativa foi analizada pola Xunta e, tras escoitar as críticas da oposición, especialmente por parte do PSOE, e dalgúns sectores sociais, retirouse e volveuse á formula inicial de efectuar un pago co que dignificar esas pensións non contributivas en Galicia. Feijóo escoitou, mantivo os pagos directos e incluso os incrementou.
Por este motivo, o popular aproveitou para pedir coherencia ao PSOE e ao seu secretario xeral, Manuel Vázquez, xa que se fai dous meses recortar poder adquisitivo aos pensionistas era un erro, en palabras de Miranda, deben dicir exactamente o mesmo hoxe da decisión de Madrid, que reduciu considerablemente a paga a 115.000 pensionistas galegos.
Así mesmo, Miranda criticou que coas políticas antisociais do Goberno central, como a da supresión dos 400 euros, os pensionistas sofren maiores retencións de IRPF mentres o Estado morde as súas contas co rrentes para facer fronten aos vaivéns do Executivo central. Neste sentido, o popular fixo fincapé en que Zapatero esqueceu dicir, que con ese tipo de medidas, os máis prexudicados ían a ser os pensionistas en xeral, xa que carecen de rendas elevadas, e os galegos en particular, porque as súas pensións son as máis baixas do Estado.
Por este motivo, o popular acusou a Zapatero de endosarlle de forma inmisericorde aos pensionistas galegos a factura da crise e de non conformarse con querer facer traballar máis aos galegos, senón tamén de querer que cobren menos. “Traballar ata os 67 para cobrar menos: ese é o modelo de Zapatero”.
Miranda lamentou que o diñeiro da Xunta non sirva para mellorar a vida dos galegos senón para evitar que Zapatero as empeore con iniciativas como a de baixar as pensións e afirmou que iso debe ter contestación social neste país.
Así mesmo, instou ao PSOE en Galicia a dicir xa se está dacordo con que 115.000 familias perdan poder adquisitivo por obra e graza de Zapatero, ou se, pola contra, cree que Madrid debe revertir a situación inmediatamente.













