Feijóo confía en que España responda ao traballo do PP igual que fixo Galicia o 1-M

O presidente do PPdeG explicou que a identidade que se foi creando en todos estes anos entre Galicia e o Partido Popular pódese resumir en que Galicia non é do PP, senón que o PP é de Galicia

 

Feijóo confía en que España responda ao traballo, esforzo, exemplo e unidade do Partido Popular do mesmo xeito que fixo Galicia nas eleccións autonómicas

 

• Lamenta a visión maniquea que o Goberno central ten da sociedade, á que dividen artificialmente en comunidades ás que rendir pleitesía e territorios aos que castigar e discriminar, como sucede en Galicia co tema das caixas de aforro

 

• Agarda que cando se produza o cambio a nivel nacional, que virá da man de persoas como Soraya Sáenz, se lembre que foron os galegos quen escribiron a primeira lección que debe coñecer calquera que crea na democracia

 

• Lembra que onte se celebraba o primeiro aniversario das eleccións nas que o PPdeG triunfou e nas que o principal derrotado foi ese estereotipo que facía dos galegos un pobo resignado, afeito a deixarse levar polos acontecementos

 

• Na súa presentación, Feijóo subliñou a brillante carreira política de Soraya Sáenz, a quen a súa xuventude non lle impediu converterse na voceira parlamentaria do PP

 

Ourense, 2 de marzo de 2010.- O presidente PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, amosouse hoxe seguro de que España vai responder ao traballo, esforzo, exemplo e unidade do Partido Popular do mesmo xeito que fixo Galicia nas urnas o 1 de marzo do pasado ano fronte ao bipartito. O dirixente popular, que foi o encargado de presentar á voceira parlamentaria do PP, Soraya Sáenz de Santamaría antes da súa conferencia no Centro de Desenvolvemento de Caixanova, afirmou que a situación que vive España na actualidade é unha imaxe coñecida para moitos galegos, xa que é a que ofrecía Galicia antes das eleccións autonómicas do pasado ano, o mesmo desacougo que se estendía pola sociedade e que facía máis difícil que se recuperase a confianza.

 

Para Feijóo, que asegurou que o único que fai falla mudar nesta comparación é o nome de bipartito galego por multipartito español, ante unha situación así non hai miragres que vallan, pero si respostas. Nesta liña, o popular fixo fincapé na ausencia de medidas por parte do Executivo central e nas contradiccións internas entre os seus ministros e altos cargos e lamentou a visión maniquea que teñen da sociedade, á que dividen artificialmente en comunidades ás que rendir pleitesía e territorios aos que castigar e discriminar, como sucede en Galicia co tema das caixas de aforro.

 

Ante un Goberno así, o popular agarda que se produza pronto un cambio que, como indicou, virá da man de persoas como Soraya Sáenz. Así mesmo, Feijóo pediu que nese momento de transición se lembre que foron os galegos quen escribiron a primeira lección que debe coñecer calquera que crea na democracia.

 

Por outra banda, o popular lembrou que onte se celebraba o primeiro aniversario das eleccións nas que o PPdeG triunfou e nas que o principal derrotado foi ese estereotipo que facía dos galegos un pobo resignado, afeito a deixarse levar polos acontecementos, algo que os populares nunca compartiron.

 

Feijóo sinalou cómo os populares se coaligaron coa xente para recuperar a enerxía que se estaba perdendo e cómo, prometendo traballo, esforzo e unidade, lograron que a alianza entre un pobo traballador e un Goberno preocupado por gobernar en beneficio de todos asinada cos resultados do 1-M.

 

O dirixente popular fixo fincapé en que nestes poucos meses de Goberno efectivo, a Xunta xa non é noticia polos seus intentos de sobrevivir en medio das liortas senón polas súas accións, decisións, e polo que negocia e acorda. Segundo Feijóo, o Goberno de Galicia xa non é inimigo de si mesmo, senón o que debe ser en calquera sistema democrático, que é unha ferramenta nas mans da cidadanía, que pode equivocarse e rectificar cando se requira, pero que nunca actúa para crear problemas ficticios ou fuxir dos problemas urxentes.

 

Así mesmo, Feijóo explicou que a identidade entre Galicia e o Partido Popualr que se foi crando en todos estes anos pódese resumir en que Galicia non é do PP, senón que o PP é de Galicia. Galicia conforma un pobo libre que premia aos que se achegan a el con ánimo de escoitar. Precisamente o que fan os populares.

 

SORAYA SÁENZ DE SANTAMARÍA

Na presentación que o popular fixo da voceira parlamentaria do PP, Feijóo subliñou a brillante carreira política de Soraya Sáenz, quen entrou fai dez anos na Moncloa para unha entrevista e un día despois recibía a chamada que a invitaba a ser a asesora máis nova do por aquel entón vicepresidente primeiro do Goberno, Mariano Rajoy.

 

O popular fixo fincapé no seguinte récord de prontitude batido por Soraya quen, a pesar da súa xuventude, é a voz da oposición no Congreso dos Deputados, impregnando de sosego o debate político.

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar