Rueda: "Un Goberno unido cun presidente que dirixe é igual a cumprimento de compromisos"

O secretario xeral do PPdeG lamenta nunha entrevista que aínda haxa persoas no PSOE e no BNG que non saiban que o motivo polo que perderon as eleccións é “un Goberno bipartito de case catro anos que non convenceu a ninguén”

Rueda afirma, un ano despois do 1-M, que “un Goberno unido e un presidente que dirixe dan como resultado o cumprimento de compromisos”

  • Indica que foi naquel gran acto histórico no que o partido encheu a praza de touros de Pontevedra onde, vendo o ánimo da xente “e as gañas que había de facer unha campaña entre todos, empecei a ver que si podíamos gañar”
  • Para Rueda, a clave da campaña do PPdeG que el mesmo dirixiu, foi dicirlle á xente cal era a realidade que tiñan diante, “non negala, como intentaban facer o PSOE e o BNG” e “dicir exactamente o que pensabamos que se podía facer para solucionar os problemas”
  • Di as palabras coas que se queda da xornada de reflexión son as do alcalde de Lalín e director da campaña do PPdeG en 2005, Xosé Crespo, quen lle dixo que podían sentirse todos “orgullosos do que fixemos nesta campaña sexa cal sexa o resultado da mañá”

 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2010.- O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda Valenzuela, afirma nunha entrevista publicada na páxina web da formación (www.ppdegalicia.com), que agora que os populares levan case un ano na Xunta, confírmase que forman parte dun equipo unido, formado por dez conselleiros e o presidente, que gobernan en conxunto e precisamente “un Goberno unido e un presidente que dirixe dan como resultado o cumprimento de compromisos”, xa que se traballa mellor e se cumpren os obxetivos.

Para Rueda, os primeiros meses na Xunta desde que os populares gañaran as eleccións o 1-M do pasado ano, foron “moi tensos” e onde “todas as miradas estaban postas en Feijóo e no Goberno”. O popular asegura que desde o principio, o equipo de Feijóo dixo a verdade e explicou á cidadanía que a situación da economía non era doada, pola crise e polo burato económico que herdaran do Goberno bipartito, co cal tiñan por diante un panorama complicado no que, segundo subliña, aínda encima se marcaron o obxetivo do plan de austeridade de aforrar e quixeron poñer en marcha moitas iniciativas do programa electoral.

 

 

A CAMPAÑA ELECTORAL DAS AUTONÓMICAS

Preguntado por cal foi o momento ca campaña no que considerou que o PPdeG podería gañar as eleccións, Rueda indicou que esa instante lle veu xa ó principio, naquel gran acto histórico no que o partido encheu a praza de touros de Pontevedra. Alí, vendo o ánimo da xente “e as gañas que había de facer unha campaña entre todos, empecei a ver que si podíamos gañar” explica o popular.

No relativo aos puntos críticos da campaña, o secretario xeral dos populares galegos indica que houbo moitos e tamén moitos problemas nunha campaña na que, se ben había moita imaxinación, había “poucos medios” e onde “había que multiplicarse xa que todos tiñamos que estar en todas partes” pero, segundo afirma, todos eses problemas se solucionaban e “ao dia seguinte volviamos empezar”.

En canto á clave fundamental da campaña, o popular nega que fose o que o BNG e o PSOE deron por chamar “campaña sucia”, explicación que ofrecen “os que perderon as eleccións” e lamenta que aínda haxa persoas neses dous partidos que non saiban que o motivo polo que perderon as eleccións é “un Goberno bipartito de case catro anos que non convenceu a ninguén”. Para Rueda, a clave da campaña do PPdeG foi dicirlle á xente cal era a realidade que tiñan diante, “non negala, como intentaban facer o PSOE e o BNG” e “dicir exactamente o que pensabamos que se podía facer para solucionar os problemas” que, afirma, “é xustamente o que estamos intentando facer agora desde o Goberno, cumplir eses compromisos electorais que nos levaron a gañar as eleccións porque convenceron á xente”.

Preguntado polo momento da xornada electoral do 1 de marzo co que se queda o popular, este indica que foron moitos os momentos para lembrar desa noite que “se desenvolveu a un ritmo vertixinoso”, como “verlles as caras á xente, a ilusión” do “pequeno equipo” da sede da formación. Pero para Rueda, o momento máis significativo foi trala primeira comparecencia ás oito da tarde, cando só se levaba escrutado un 5% dos votos e unha persoa “que ten bastante olfato e experiencia” en temas electorais, entrou no seu despacho e lle dixo que cos resultados que ían saíndo xa podía segurar que os populares gañarían. “Convenceume, non sei por qué”, indica o popular.

 

PERSPECTIVA COMO DIRECTOR DA CAMPAÑA

En canto á tarefa de Rueda como director da campaña electoral, o popular asegura que “organizar unha campaña non é nada fácil” sobre todo, “desde a oposición” e fixo fincapé tamén no gran montante de medios que tiñan o PSOE e o BNG con respecto ao PPdeG: “por cada banderola que tiñamos de Feijóo había dez ou quince de Touriño ou de Quintana”. Nesta liña, afirma que “intentamos facer unha campaña moi pegada á xente” con algúns grandes actos e con pequenos que “non valen cartos pero falan moito de cómo queremos afrontar as eleccións” e indica que tamén empreñaron moito “á nosa xente, a ilusión”. En resumo, foi unha campaña que “creo que saíu ben porque todo o mundo se implicou”, sentencia Rueda.

O popular indica que o día da xornada de reflexión durmiu pouco, polos nervios, e asegura que as palabras coas que se queda dese día foron as do alcalde de Lalín e director da campaña do PPdeG en 2005, Xosé Crespo, quen lle dixo que podían sentirse todos “orgullosos do que fixemos nesta campaña sexa cal sexa o resultado da mañá”, lembra o popular.

 

O CARGO MÁIS DIFÍCIL DE ASUMIR

Así mesmo, preguntado por qué cargo é máis difícil de asumir, o de secretario xeral do PPdeG ou o de conselleiro de Presidencia, Rueda afirma que ambos retos son importantes pero “a nivel persoal” o primeiro foi o máis complicado de aceptar xa que as circunstancias familiares que vivía non eran as mellores e xa aparcara por un tempo a súa etapa política. Segundo indica Rueda, “convenceume Feijóo nunha conversa que durou algo máis de dúas horas”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar