O Parlamento garantirá o dereito a voto das deputadas de baixa maternal a instancia do PP

Propón a presentación conxunta dunha Proposición de Lei que modifique puntualmente o Regulamento da Cámara, de xeito que se permita a delegación nesa circunstancia ou, no seu caso, por xestación

O GRUPO POPULAR IMPULSA UN ACORDO DAS TRES FORZAS DO PARLAMENTO PARA GARANTIR O EXERCICIO DO DEREITO A VOTO DAS DEPUTADAS EN SITUACIÓN DE BAIXA POR MATERNIDADE

  • Manuel Ruíz Rivas salienta que a aposta do PPdeG e do Goberno de Núñez Feijóo por avanzar en materia de igualdade “é indiscutible” e quere ir máis aló “de meros plantexamentos de imaxe” para abordar ese avance “desde unha óptica de eficiencia na busca de solucións prácticas e reais”.

Santiago, 8 de marzo de 2010.- O Grupo Popular iniciou a pasada semana conversas con socialistas e nacionalistas co fin de impulsar un acordo das tres forzas con representación no Parlamento galego que permita garantir o exercicio do dereito a voto das deputadas que se atopen en situación de baixa por maternidade o, no seu caso, por xestación. Así o confirmou hoxe en rolda de prensa o portavoz dos parlamentarios do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, quen, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, amosou o seu convencemento de que “hai que seguir dando pasos cara a unha plena igualdade”. A ese respecto, sinalou que o Parlamento “debe dar exemplo nese esforzo” e considerou que a iniciativa que se pretende levar adiante contribuirá a fomentar a integración da muller no ámbito da política.

 

Recollendo o espírito da proposta trasladada en xullo pasado pola Presidenta da  Cámara e da Proposición de Lei presentada en 2007 polo propio PPdeG, o Grupo Popular propón a presentación conxunta dunha Proposición de Lei que modifique puntualmente o Regulamento da Cámara, de xeito que se permita a delegación nesa circunstancia. Ruíz Rivas salientou que das conversas mantidas entre os tres grupos parlamentarios dedúcese “unha coincidencia clara na necesidade de levar a cabo unha reforma do Regulamento de xeito que a maternidade non supoña para as deputadas menoscabo algún dos dereitos e obrigas inherentes á súa condición de parlamentarias”. Para o deputado popular, o Parlamento de Galicia “non pode permañecer alleo á evolución da nosa sociedade” e, como centro da vida política da Comunidade, “debe actuar como modelo na implantación de medidas que melloren a conciliación entre a vida familiar e as responsabilidades profesionais ou políticas”.

 

SERVIZO GALEGO DE IGUALDADE

Manuel Ruíz Rivas salienta que a aposta do PPdeG e do Goberno de Núñez Feijóo por avanzar en materia de igualdade “é indiscutible” e quere ir máis aló “de meros plantexamentos de imaxe” para abordar ese avance “desde unha óptica de eficiencia na busca de solucións prácticas e reais”. Así o demostran feitos como a implantación do distintivo de excelencia para as empresas que prioricen a igualdade de oportunidades, anunciado a pasada semana pola conselleira de Traballo e Benestar.

 

Nesa liña, cualificou de “lamentable” que a principal reivindicación dos partidos da oposición con motivo deste 8 de marzo se centre “no mantemento dunha estrutura duplicada na Administración”, en referencia á prevista supresión do Servizo Galego de Igualdade, “cuxas funcións quedan asumidas pola Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Presidencia da Xunta”, polo que a súa desaparición obedece “a criterios de eficiencia administrativa e de xestión dos recursos públicos”, destacou. “Que socialistas e nacionalistas estean convencidos de que o que máis lles preocupa ás mulleres galegas é que exista un departamento máis ou menos demostra o alonxados da realidade que están eses partidos”, indicou Ruíz Rivas, quen resaltou que “o importante son as funcións e o contido, o importante é traballar en serio pola igualdade” e ese traballo “será aínda máis produtivo se se empeza por reducir burocracia e complicacións administrativas e por evitar o derroche dos recursos”, algo que, engadiu, “parece que non vai co PSOE e o BNG, máis partidarios de facer pouco pero con moitos chiringuitos e cos cartos que non teñen para simular que fan máis”.

 

INICIATIVAS

Doutra banda, dentro do traballo do PPdeG a prol da igualdade entre mulleres e homes, Ruíz Rivas explicou que no Pleno desta semana o seu Grupo interesarase ante a Xunta polas liñas de colaboración establecidas coas Universidades galegas para fomentar o traballo en igualdade.

 

Así mesmo anunciou a presentación dunha Proposición non de Lei dirixida a que todos os departamentos da Xunta de Galicia inclúan unha cláusula de igualdade en todas as súas contratacións, subvencións, contratos e convenios de colaboración. O obxectivo da iniciativa é lograr a aplicación do enfoque de xénero en todas as campañas de publicidade e informativas, tanto no seu contido gráfico como lingüístico; evitar a utilización de estereotipos sexistas así como de calquera tipo de discriminación das mulleres; e eliminar imaxes e contidos mediáticos que presenten ás persoas como inferiores ou superiores en función do sexo ao que pertenzan.

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar