Paula Prado asegura que os alcaldes das Mareas son “os curandeiros da política”

27 Mai 2016

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016.- A coordinadora interparlamentaria do PPdeG, Paula Prado, asegurou que os alcaldes das Mareas son “os curandeiros da política” e explicou que, tras prometer recetas máxicas imposibles de levar a cabo para resolver os problemas dos cidadáns, agora están perdendo efecto e a xente empeza a decepcionarse ao ver que amosan a peor cara da vella política. 

Nesta liña, lembrou que se acaba de cumprir un ano da entrada de partidos radicais nas institucións locais e autonómicas e que, en Galicia, observamos como son incapaces de xestionar cousas tan básicas como un concurso de Comedores escolares, un problema de contaminación da auga do seu Concello, ou mesmo tapar as fochancas das estradas e arranxar as baldosas das beirarrúas. 

Paula Prado afirmou tamén que as Mareas incumpriron sistematicamente as súas promesas electorais e fan o contrario do que dixeron. Así, indicou que, se ben antes dicían que había que sacar ás empresas das institucións públicas porque eran nichos de corrupción e había que municipalizar servizos, o único que foron quen de levar a cabo foi a externalización da democracia. Nese sentido puxo como exemplo o acontecido no concello de Santiago, onde se contratou unha empresa para facer os orzamentos participativos, gastando nesta contratación 18.000 dos 100.000 euros do presuposto de Xuventude.

Ademais, salientou as dificultades de moitos concellos para sacar adiante os orzamentos, que en moitos casos están prorrogados ou aprobados na metade do exercicio en curso. Tal e como admitiu, esta inestabilidade nas contas municipais tamén se observa na economía en xeral, vendo como “a economía naufraga entre as mareas vivas”.

“Vemos moito postureo e pouca responsabilidade política”, dicía ao tempo que aseveraba que se puxeron en marcha moitas medidas absurdas ou que non afectan a unha mellora dos problemas ou do benestar das familias. 

Por outra banda, Prado tamén avanzou que, nestas primeiras semanas tralo VXI Congreso autonómico do PPdeG, estanse a poñer en marcha as Oficinas Parlamentarias dos deputados e senadores galegos nos seus respectivos territorios.

Así, na provincia da Coruña xa están funcionando ao 100% as nove Oficinas Parlamentarias -Coruña, Betanzos, Santiago, Ordes, Ferrol, Narón, Ribeira, Noia e Carballo- e, segundo indicou, a idea e que tamén se empece a poñer en marcha este formato no resto de provincias. O obxectivo será atender as inquedanzas de calquera persoa que se achegue a estas sedes.

 

Síguenos nas redes sociais