Miranda louva a lealdade institucional entre Fegamp e Xunta e pide que Vázquez tome nota

O respeto entre administracións presididas por persoas de diferente signo político redunda en beneficios comúns para os concellos e para os cidadáns, unha postura intelixente contraria á confrontación masiva e ao “non polo non” que defende o secretario xeral do PSOE

 

Miranda ensalza a lealdade institucional que enmarca as relacións entre a Xunta e a Fegamp e pide a Manuel Vázquez que tome nota dos seus compañeiros de partido

 

• Fai fincapé en acordos acadados entre a Xunta e a Fegamp, como son o histórico pacto para a reforma do urbanismo, que marcou unha etapa de lealdade mutua entre ambos entes e que lles abriu a porta a acordos para desbloquear iniciativas como a reforma da Lei do Solo, o Plan de Ordenación do Litoral e as Normas do Hábitat

 

• Recoméndalle a Vázquez que, se quere ser o líder da oposición que Galicia se merece, debería esquecer a filosofía de non concederlle ao Goberno galego “nin 100 días, nin 100 horas, nin 100 minutos” e tomar como referente a Carlos Fernández e non a Abel Caballero ou ao mesmo Zapatero

 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2010.- O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, ensalzou a lealdade institucional que enmarca as relacións entre o Goberno da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), presidida polo socialista Carlos Fernández, e pediulle ao secretario xeral do PSOE en Galicia, Manuel Vázquez, que tome nota dos seus compañeiros de partido.

 

O popular fixo fincapé na unidade política existente entre a Fegamp e a Xunta de Galicia como unha proba evidente de que é posible lograr que dous entes de distinta cor política se poñan dacordo por unha causa común que, neste caso, é buscar o maior beneficio posible para Galicia.

 

Nesta liña, o voceiro dos populares galegos lembra a sinatura do pacto entre a Xunta e Fegamp para a reforma do urbanismo en Galicia, que implica que os principais actores na aplicación da lexislación urbanística, que son os concellos, poidan participar na elaboración de toda normativa que afecte ás súas competencias. Trátase, segundo o popular, dun acordo histórico tras unha lexislatura na que a Xunta bipartita e a Fegamp disentían en medidas tan trascendentes como a Lei dos 500 metros ou as Normas do Hábitat.

 

Así, o popular destaca cómo ese acordo marcou unha etapa de lealdade mutua, información e transparencia que non se coñecían en tempos do bipartito e na que a Xunta e a Fegamp chegaron a acordos para desbloquear iniciativas como a reforma da Lei do Solo, o Plan de Ordenación do Litoral e as Normas do Hábitat.

 

Miranda tamén subliña a importancia do acordo entre o Goberno dos populares e a Fegamp, que recolle a creación dun Fondo Extraordinario dotado con 18,3 millóns de euros e unha achega tamén extraordinaria ao Fondo de Cooperación Local, nun máximo de 6 millóns de euros, procedentes do Fondo de Compensación Ambiental para mellorar a financiación local durante o ano 2010 e garantir que ningún concello terá menos fondos que no exercicio 2009.

 

Mención especial tamén a merece, para o popular, o convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Fegamp para achegar un millón de euros aos concellos de menos de 5.000 habitantes coa fin de axudarlles ao seu equilibrio financeiro e orzamentario, e tamén a decisión de axilizar a contratación por parte dos concellos de ata 4.000 desempregados sen prestacións. Así mesmo, o popular fixo fincapé no compromiso da Xunta de desbloquear o traspaso de ata 50 centros de saúde, dependentes dos concellos, entre o ano 2009 e o 2010, e na iniciativa de asesorar aos municipios na aplicación das novas tecnoloxías mediante unha oficina de técnica virtual.

 

Para Miranda, estes acordos entre o Goberno galego e a Fegamp, fundamentais para Galicia, demostran o respeto que radica entre administracións presididas por persoas de diferente signo político e que redunda en beneficios comúns para os concellos e para os cidadáns. Para o voceiro do PPdeG, trátase dunha postura intelixente contraria á confrontación masiva e ao “non polo non” que defende o secretario xeral do PSOE.

 

Segundo Miranda, o desexable para Galicia sería que o líder da oposición amosase unha actitude como a do presidente da Fegamp, que priorizase os intereses dos galegos sobre os intereses partidistas do PSOE, e colaborase co Goberno galego dun xeito constructivo e non, como fai desde a toma de posesión de Feijóo, poñendo obstáculos a calquera iniciativa da actual Xunta, aplicando a filosofía de non concederlle “nin 100 días, nin 100 horas nin 100 minutos”.

 

O voceiro do PPdeG recoméndalle a Vázquez que, se quere ser o líder da oposición que Galicia se merece, debería tomar como referente a Carlos Fernández e non a Abel Caballero ou ao mesmo Zapatero.

 

 

 

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar