Iniciativa sobre demanda de carga de traballo para Navantia e investimentos para dispor dun Estaleiro 4.0

16
Set

Iniciativa sobre demanda de carga de traballo para Navantia e investimentos para dispor dun Estaleiro 4.0

Demanda que debe facer a Xunta de Galicia ao Goberno central en relación coa carga de traballo para navantia, así como sobre o desenvolvemento dos investimentos necesarios para dispor dun Estaleiro 4.0 que lle permita seguir competindo e acadndo novos contratos para o naval galego.

 

A sociedade pública de construción naval Navantia marcou, en 2014, como un dos seus obxectivos estratéxicos definir un modelo de estaleiro moderno e sustentable, tomando como referencia os estándares e as prácticas dos estaleiros máis destacados do mundo nos sectores civil e militar.

 

Con este propósito, presentou unha iniciativa orientada a reforzar a súa competitividade e a estabilizar o seu liderado mediante a incorporación de alta tecnoloxía e a diferenciación respecto a outros subministradores de produtos e servizos.

 

O proxecto Implantación do estaleiro 4.0 en Navantia Ferrol buscaba impulsar a modernización das instalacións e o aumento da eficiencia dos procesos produtivos da factoría actual, con operacións máis robotizadas, con sistemas de control máis dixitalizados e con produtos de máis estandarización, que repercutan tanto na redución de custos e de prazos, como na mellora da calidade. Estes investimentos serían tamén o fundamento para garantir a competitividade do estaleiro e competir en novas licitacións e contratos internacionais a futuro.

 

Esta aposta decidida pola modernización dos estaleiros que levou a cabo o último Goberno Central liderado polo Partido Popular uniuse á política de apoio integral ao sector naval desenvolvida pola Xunta, que redundou na consecución de carga de traballo para un dos sectores industriais estratéxicos de Galicia.

 

Coa moción de censura e a chegada dos socialistas ao Goberno, volvemos ás épocas de desleixo co naval ferrolán. O Executivo liderado por Pedro Sánchez non só retrasou a execución de encargos que xa estaban proxectados, como o das Fragata F-110, senón que perdeu outros que os seus antecesores deixaran encarrilados para a súa consecución, como o das Fragatas para a mariña americana, no que Navantia partía como favorita, pero se lle acabou outorgando a unha empresa italiana.

 

Ante a ausencia de proxectos en carteira nos estaleiros ferroláns, nos meses finais de 2019 e primeiros de 2020, desde o Grupo Popular presentamos unha serie de iniciativas para que se construíse en Ferrol-Fene un buque de aprovisionamento para a Armada (AOR) a fin de que haxa carga de traballo mentres non se iniciasen as labores para as fragatas F-110, coa insistente negativa do Goberno Sánchez.

 

Ante o complicado horizonte económico que deixa a pandemia da COVID-19, desde o Grupo Popular entendemos que é máis necesaria ca nunca a carga de traballo na ría de Ferrol, así como a modernización dos estaleiros, dada a necesidade de reforzar a súa competitividade internacional de cara ao presente e o futuro.

 

Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno Central na demanda de carga de traballo para Navantia, así como do desenvolvemento dos investimentos necesarios para dispor dun Estaleiro 4.0 que lle permita seguir competindo e acadando novos contratos para o naval galego

 

Nota de Prensa: http://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas/item/4704-o-parlamento-galego-demanda-ao-goberno-central-carga-de-traballo-para-navantia-e-o-desenvolvemento-do-proxecto-estaleiro-4-0

 

 Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000065

 

Comparte: