Iniciativa sobre a necesidade de adoptar medidas en relación coa pesca accidental de cetáceos

25
Set

Iniciativa sobre a necesidade de adoptar medidas en relación coa pesca accidental de cetáceos

Iniciativa sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Ministerio de Agricultura respecto da necesidade de adoptar medidas en relación coa pesca accidental de cetáceos

 

 

Recentemente, coñecíamos que a Comisión Europea intentará protexer aos cetáceos para que a pesca non dane accidentalmente a estes tipo de animais, xa que estamos a falar dunhas especies mariñas de especial interese para o executivo comunitario.

Entre os datos que basean esta actuación están os do ano 2019, que foi especialmente tráxico para estes exemplares ao producirse máis de 1.200 varamentos con marcas de redes nas costas francesas.

Ante esta situación, o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius fixou como prioridade o cese da captura accidental de golfiños por parte da frota comunitaria e urxía a España e outros estados membros a atopar solucións para atallar esta pesca accidental que se da tanto no golfo de Biscaia como en augas do mar Céltico ou no Gran Sol.

A propia conselleira informaba por carta ao Ministro de Pesca, Luis Planas, que o nivel do arte de arrastre peláxico, en termos de interacción e captura accidental de mamíferos mariños, é infinitamente superior a outras artes, polo que se entendía que a actuacións e normas deberían tamén ser diferentes.

Dende o Ministerio de Pesca estanse a barallar varias propostas, como a posibilidade de utilizar uns disuasorios acústicos, coñecidos como pingers, para espantar aos cetáceos..

Neste grupo parlamentario, cremos necesario a colaboración entre todas as partes implicadas para atopar unha solución a esta situación.

Por isto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición para o seu debate nesta comisión:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a pedir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que se fagan estudos máis exhaustivos sobre a eficacia da necesidade de adopción de medidas de protección dos cetáceos, así como a propor a adopción de medidas desde un punto de vista de proporcionalidade dos posibles danos que cada arte de pesca pode orixinar na interactuación con estas especies”.

 

Iniciativa Rexistro: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000173

 

Comparte: