Pregunta sobre os proxectos de aldea modelo en marcha en Galicia

02
Out

Pregunta sobre os proxectos de aldea modelo en marcha en Galicia

 

Pregunta sobre o número de proxectos de aldea modelo que están xa en marcha a día de hoxe en Galicia 

Un dos maiores desafíos de futuro que enfronta o noso rural é o de acadar unha maior produtividade e frear o proceso de despoboamento e abandono da terra.

Con este obxectivo, a consellería de Medio Rural puxo en marcha en 2019 as denominadas aldeas modelo, que son proxectos de mobilización de terras dirixidos á recuperación produtiva de zonas maioritariamente abandonadas, na contorna de núcleos de poboación, de xeito que esa posta en valor sirva tamén para previr os incendios forestais nesas áreas.

Este proxecto naceu co obxectivo de executar a limpeza das franxas secundarias, as máis próximas aos núcleos de poboación, e convertelas en terreos produtivos. Unha vez estas áreas se atopan limpas, ponse en valor ese terreo creando actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras ou castiñeiros, entre outros.

Deste xeito, as novas terras produtivas funcionan como devasa natural fronte o lume xa que, desenvolvendo actividade económica nas franxas, non é preciso rozalas todos os anos,.

Segundo ten explicado o Goberno galego, trátase dun proxecto promovido pola Consellería do Medio Rural no marco do convenio de protección das aldeas fronte o lume posto en marcha en colaboración coa empresa pública Seaga e coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Nas aldeas modelo, a limpeza lévase a cabo co acordo entre os propietarios das parcelas e os agricultores e gandeiros interesados en poñer a producir as terras. Neste sentido, a iniciativa supón un rendemento económico directo ou indirecto tanto para o propietario dos terreos –que conserva sempre a titularidade–, como para os interesados en poñelas a producir.

Desde que se anunciaron as primeiras aldeas modelo, o equipo da consellería de Medio Rural recibiu numerosas solicitudes de alcaldes e alcaldesas para explorar a posibilidade de implantar proxectos deste tipo en concellos de toda a Comunidade.

Por todo o exposto, os deputados e deputadas asinantes formulan a seguinte Pregunta Oral en Comisión 7ª Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes:

Cantos proxectos de aldea modelo están xa en marcha a día de hoxe en Galicia?

 

Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/POC-000027

 

Comparte: