Iniciativa sobre a petición a Bruxelas dun plan de recuperación da cigala para o golfo de Biscaia e augas ibéricas

13
Out

Iniciativa sobre a petición a Bruxelas dun plan de recuperación da cigala para o golfo de Biscaia e augas ibéricas

Iniciativa sobre petición a Bruxelas dun plan de recuperación da cigala para o golfo de Biscaia e augas ibéricas

 

En  2019  facíase   público  no  Consello   Galego  de  Pesca  un  informe elaborado polo sector, coa axuda da Consellería do Mar, que analizaba os datos de descargas e esforzo pesqueiro da cigala na zona CIEM VIIIc e a posible incidencia da ordenación e xestión pesqueira sobre a pesquería en Galicia.

Primeiramente,  temos que resaltar a importancia que a cigala mantivo na pesquería de arrastre de litoral como captura secundaria,  pero que conta cun importante valor económico de máis de 1 millón de euros anuais, relevante  polo seu alto valor en primeira  venda, que chega a ser de 30 euros por quilogramo, e o seu carácter de producto de grande demanda na hostalería.


Sen  embargo,  na evolución  da pesca  da cigala  na zona  VIIIc, especialmente  na posterior a 2011, non se tiveron en conta tres circunstancias determinantes da situación e avaliación da pesquería:
o Entrada en vigor do Regulamento (CE) 2166/2005 do Consello de 20 de decembro de 2005 polo que se establecen  medidas para a recuperación da poboación sur de pescada europea e de cigalas.

o Entrada en vigor da Orde ARM/3156/2011, de 10 de novembro, pola que se establece o reparto porcentual de posibilidades de pesca do lirio, o gallo e a cigala entre as diferentes modalidades de pesca.

o  Entrada   en  vigor   do  Regulamento   Delegado   (UE)   2015/2439   da Comisión, de 12 de outubro de 2015, polo que se establece un plan de descartes  para  determinadas  pesquerías  demersais  nas  augas suroccidentais.

Neste punto temos que salientar a ordenación e xestión desta frota e a súa adaptación ao estado dos recursos trouxo consigo un descenso paulatino e sostido  das  unidades  de  pesca  de  arrastre  litoral  con  porto  base  en Galicia, o que xera un descenso significado do esforzo pesqueiro realizado por esta frota, que podería roldar un 40% e, consecuentemente, ten un impacto importante nas descargas.

En definitiva, a combinación de normas aplicadas sobre esta frota podería ser un dos factores dese maior axuste, xunto co prezo do carburante e a súa alta dependencia  dese factor do custe de explotación,  especialmente entre 2007 e 2010.


Por todo elo, e tendo en conta o propio recoñecemento do ICES do seu descoñecemento dos efectos do Plan de Recuperación da pescada sur e a cigala e dos evidentes  erros na contabilización  de datos, enténdese  que debe reconsiderarse  a medida de peche da pesquería de cigala no área VIIIc (NEP/08C.) e axustar a determinación de seu TAC a unha máis certa e rigorosa avaliación.


Así, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia formulan a seguinte proposición para o seu debate en comisión polo trámite de urxencia:

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno da Xunta de Galicia a reclamar do  Goberno   central   que  leve  a  propoñer   en  Bruxelas   un  Plan  de Recuperación da Cigala para o Golfo de Biscaia e augas ibéricas que contemple os seguintes aspectos:

- Establecemento  dun TAC anual que permita a apertura e explotación da pesquería  en condicións  sostibles  e acordes  cunha  análise  rigorosa  do estado do recurso.

- Adecuación de medidas técnicas de explotación que acompañen esta apertura, de xeito que se materialice a vontade de adecuación ao estado do recurso  que o sector  ten. Entre  outras,  sería  conveniente  o establecemento dun límite máximo de capacidade e esforzo pesqueiro, de vedas espazo-temporais  para a protección das femias reprodutoras, maior supervisión dos desembarques de cigala, así como o establecemento  dun procedemento  para a mellora da recompilación  de datos científicos e dun procedemento para a revisión anual da poboación da cigala”.

Comparte: