Iniciativa sobre apoio para evitar a desprotección e apoiar as persoas menores orfas por violencia de xénero

18
Nov

Iniciativa sobre apoio para evitar a desprotección e apoiar as persoas menores orfas por violencia de xénero

Iniciativa sbre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central e as actuacións que debe levar a cabao para evitar a desprotección e apoiar as persoas orfas por violencia de xénero. 


En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificaran e analizaran os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no cal se incluíran un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais. O Congreso, na súa sesión plenaria do 28 de setembro de 2017, aprobou o Informe da subcomisión para un Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, informe no cal, entre outros aspectos, insta á posta en marcha dun plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores
vítimas de violencia de xénero.

 

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para alcanzar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe da ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.

 


O 27 de decembro de 2017, todas as CC.AA. ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que no seu eixe 4 recolle de maneira específica medidas para «a intensificación da asistencia e protección de menores». A protección específica dos e das menores parte do seu recoñecemento como vítimas directas e comporta a necesidade de ampliar e mellorar as medidas dirixidas á súa asistencia e protección, coa implantación de novas prestacións nos casos de orfandade como consecuencia da violencia de xénero; de revisar as medidas civís relativas á custodia dos menores; de fomentar as actuacións de reforzo no ámbito educativo e de impulsar a especialización dos puntos de encontro familiar para os casos relacionados coa violencia de xénero.

Son as comunidades autónomas quen asumen as competencias da asistencia social ás mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.

Segundo os últimos datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, dende o 1 de xaneiro de 2013 ata o día de hoxe son 295 orfos/as vítimas da violencia machista en España e, no que vai de ano 27.

Así, o 2 de xaneiro de 2019, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asinou un acordo de colaboración co Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, cos colexios oficiais de graduados sociais de Galicia, con Agaxen, (Asociación Galega de Profesionais da Auditoría Sociolaboral de Xénero e da Prevención do Acoso e da Violencia de Xénero nas Organizacións) e co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), para o acompañamento e asesoramento na xestión dos trámites administrativos así como no

apoio socioeducativo que precisen as fillas e fillos orfos das vítimas mortais da violencia de xénero en Galicia.


Ademáis dende o ano 2019, a Secretaría Xeral da Igualdade concede axudas económicas de indemnización dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero o que supón un paso máis no apoio e protección dos e das menores orfos.


A modificación realizada na lei 3/2019 do 1 de marzo deixa fora os orfos e orfas cando o autor da morte fose outro home diferente ao seu pai e o seu proxenitor non se atope en condicións de asumir o coidado e protección dos /das fillas /os ( presidiarios, desempregados sen dereito a prestación etc).


Accións recollidas nas medidas 72, 75 e 210 do documento refundido de medidas do
Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.


Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en pleno:

 

“O Parlamento de Galicia insta:


1. Á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a realizar as modificacións lexislativas necesarias para eliminar a situación de desprotección na que se atopan os orfos e orfas por violencia de xénero cando a súa nai non fose cotizante da Seguridade Social ou non cumprise os requisitos mínimos para acceder ás prestacións económicas xa que a última modificación realizada non comtempla éstas situacións.

2. Á Xunta de Galicia a reforzar e manter as axudas de indemnización económica, dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero co obxecto de garantir que o feito causante supoña un menor perxuízo económico para os fillos e fillas orfos.”

 

Rexistro iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNP-000560

 

Comparte: