Iniciativa sobre a posta en  valor e ampliación da formación a distancia no agro galego

03
Dec

Iniciativa sobre a posta en valor e ampliación da formación a distancia no agro galego

 

Iniciativa sobre o impulso por parte da xunta da plataforma informática da Axencia Galega de Calidade Alimentaria para poñer en valor e amplicar a formación a distancia no agro galego 


A formación constitúe un elemento imprescindible para lograr a competitividade do sector agrario e gandeiro co obxectivo de xerar espazos favorables á cultura empresarial, ao emprendemento e á innovación.

Nun mercado cada vez máis esixente e cambiante, a profesionalización do sector primario mediante a mellora das súas capacitacións e cualificacións profesionais é un reto para as administracións públicas en relación ao coñecemento técnico e produtivo, e en termos comerciais e de xestión.

A necesidade de mellorar a capacitación profesional levou á Xunta a incentivar a profesionalización do sector mediante a incorporación nos Plans de Desenvolvemento Rural (PDRs) distintas medidas de fomento da formación profesional agraria e outras iniciativas orientadas a perfeccionar a formación ocupacional non regrada.

Deste xeito, os programas de formación agraria e forestal favorecen a capacitación e a incorporación de mozos ao sector primario e o aprendizaxe permanente de todos os profesionais favorecendo o desenvolvemento rural, a sustentabilidade, a mellora ambiental, a competitividade, a innovación e a implantación de novas tecnoloxías.

O obxectivo final é que dita formación convértase nun dos instrumentos fundamentais da modernización e avance do medio agrario e, deste xeito, restablecer o equilibro territorial do mundo rural en condicións de vida similares ao das zonas urbanas.
Aínda que na actualidade a oferta de cursos e ciclos formativos relacionadas coa familia profesional agraria é moi ampla, a formación dos agricultores e gandeiros segue considerándose un espazo de mellora, pois o medio agrario precisa de persoal cualificado e escasea a man de obra especializada.


Con este obxectivo a Xunta de Galicia ten en marcha un plan estratéxico de formación agraria, vinculado á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). O plan desenvólvese en tres piares: a formación regrada, os certificados de profesionalidade e a formación continua, onde se asigna ao CFEA de Monforte a especialización en formación dixital.

A formación on-line pode considerarse como o presente e futuro da educación polas grandes vantaxes que proporciona tanto a alumnado como a profesorado, pola súa versatilidade, xa que pode empregarse para formación a distancia ou como complemento das clases presenciais.

Na actualidade a oferta formación telemática da Consellería do Medio Rural é menor á prevista como formación presencial e, polo tanto, existe unha clara necesidade de fomentala. Ademais, a aparición da pandemia pola covid-19 supón un antes e un despois en moitos campos e a formación a distancia é un deles.

É moi probable que a maior parte dos cursos do programa de formación continua e dos programas de transferencia tecnolóxica non se realicen no ano 2021 ao igual que aconteceu na presente anualidade, por dous motivos principais: a dificultade de dispoñer de locais que cumpran os esixentes requisitos preventivos e, pola outra parte, o reparo a congregar alumando nestas actividades, cando están en marcha limitacións nas reunións de xeito presencial.

O Agacal xa dispón unha plataforma de uso que sería conveniente potenciar incorporando, entre outros, os seguintes obxectivos:

 Transformala nun espazo de asesoramento e transferencia do coñecemento agrario de Galicia. Así, empregando a potencionalidade da plataforma de formación actual, convertela nunha ferramenta de transferencia de tecnoloxía nos sectores fundamentais do campo galego (agricultura, gandaría, forestal e agroindustrial)
 Inventariar todos os contidos que existen na actualidade (libros, vídeos, presentacións... etc) para incorporalos á devandita plataforma como material de apoio e consulta de acceso libre, xa que na actualidade estes documentos están inconexos. Todos os libros que se publiquen a partir de agora deberan ter un formato axeitado para a súa incorporación na devandita plataforma.
 Realizar un rastrexo das fortalezas e debilidades da formación do sector primario na nosa comunidade coa colaboración de empresas, cooperativas do sector, enfocando esta formación nos nichos laborais e nas necesidades reais de emprego do sector


 Realizar unha convocatoria de actuacións docentes en colaboración coas empresas, asociacións, cooperativas, etc... para determinar as súas necesidades de man de obra cualificada.
 Ofrecer asistencia técnica virtual ao sector, de tal xeito que os usuarios poidan empregala para realizar consultas incorporando nesta faceta aos centros de investigación dependentes da Consellería do Medio Rural.
 Chegar a acordos con entidades como o Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural –Ibader-, O Agro da TVG, revistas especializadas, asociacións, cooperativas e outras administracións que xa propuxeron a cesión de documentación a custe cero.
 Contactar con outras escolas de formación agraria para ter unha base común de presentacións co obxectivo de uniformizar a formación a nivel autonómico ou, en todo caso, establecer liñas de colaboración periódica para dispoñer dun fluxo continuo de información constante entre todas as institucións.
 Incorporar na plataforma, con carácter complementario á formación, iniciativas como bolsas de prácticas en empresas, bolsas de emprego ou calquera outra iniciativa de interese para o sector primario para pechar o ciclo de capacitación- emprego do sector agrario.


En resumo, a mellora da plataforma de formación ten que servir para dar un impulso ao sector primario en termos de capacitación, adaptación aos requisitos da nova política agraria, competitividade e empregabilidade, pero todo isto adaptándose ás características propias das traballadoras e traballadores das industrias agro-gandeiras, e ao mercado, para sexa máis atractiva, amigable en contidos e nun formato que permita atraer novo alumando e empresas.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a potenciar a plataforma tecnolóxica web para poñer en valor e ampliar a formación a distancia no agro galego”.

 

Rexistro Iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000586

 

Comparte: