Iniciativa sobre un  plan de prevención para minimizar o risco de incendios forestais e aumentar a resiliencia en Galicia

18
Feb

Iniciativa sobre un plan de prevención para minimizar o risco de incendios forestais e aumentar a resiliencia en Galicia

 

Iniciativa sobre a elaboración polo Goberno galego, para o ano 2021, dun  plan de prevención para minimizar o risco de incendios forestais e aumentar a resiliencia en Galicia

A prevención constitúe unha das bases fundamentais na loita contra os incendios forestais, sendo unha das fases previas prioritarias.

Este eixo de actuación vén materializado pola eliminación de riscos, os cales poden representar a orixe dos lumes e da súa propagación. A estes efectos, as accións preventivas non só permiten evitar que se produzan lumes na nosa comunidade, senón que no caso de producirse, limitan ao máximo a súa propagación e minimizan os danos causados.

Desde as diferentes tipoloxías existentes de rozas ata o mantemento de puntos de auga e de pistas, así como as queimas controladas e outras tantas labores silvícolas..., todas son accións dirixidas e necesarias para incrementar a resiliencia e a seguridade do noso territorio.

Ao fío do exposto, e en consideración da recente experiencia, o Plan preventivo 2020 levado a cabo pola Consellería do Medio Rural tivo unha afectación moi positiva sobre o terreo, minimizando os riscos por medio dunha planificación organizada de diversas actuacións preventivas.

Neste senso, para o Grupo Parlamentario Popular de Galicia é prioritario garantir a devandita seguridade, tanto para o territorio como para as persoas e os seus respectivos bens, e polo tanto, este tipo de accións deben ser reiteradas. Por iso, investir en accións preventivas é unha necesidade que debe ser considerada canto antes.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión


“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia á elaboración dun plan preventivo para o presente exercicio 2021 que aglutine todas as accións preventivas necesarias para minimizar os riscos de incendios e aumentar a resiliencia do noso territorio”.

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000903

 

Comparte: