Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa situación que están a padecer as mulleres no ámbito laboral e familiar

18
Feb

Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa situación que están a padecer as mulleres no ámbito laboral e familiar

 

Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa situación que están a padecer as mulleres no ámbito laboral e familiar


A incorporación das mulleres ao mercado laboral, a permanencia no emprego e as súas condicións de traballo aínda están lonxe de producirse en condicións de igualdade.

 

As estatísticas seguen a revelar unha realidade desigual nas retribucións salariais, na promoción profesional, no acceso a sectores e ámbitos aínda fortemente masculinizados, así como tamén na presenza nas esferas de decisión.

 

O impacto de xénero da covid-19, ou como a crise ocasionada pola covid-19 lle afecta de xeito diferente a mulleres e a homes, ten sido analizado por distintos organismos, internacionais, nacionais e tamén autonómicos, como a OIT, a ONU, a OCDE, a UE, o IMIO, a Universidade de Vigo e a Consellería de Emprego e Igualdade, entre moitos outros. Todos coinciden en sinalar que a tripla dimensión desta crise, sanitaria, social e económica, ten unha repercusión diferente entre homes e mulleres e que a resposta á crise debe incorporar o enfoque de xénero para que non se incrementen as desigualdades xa existentes.

Destacan todos os informes o rol das mulleres na xestión da pandemia. Segundo a ONU, as mulleres desempeñan un papel imprescindible na loita contra a covid-19: como principais coidadoras nos fogares, nas redes familiares e os espazos comunitarios, traballadoras e profesionais no sector da saúde, sobrerrepresentadas nos servizos de limpeza, traballadoras domésticas e en servizos básicos (como supermercados e farmacias). As tarefas de coidado dentro dos fogares están a recaer maioritariamente nas mulleres, que, polo xeral, teñen a responsabilidade de atender a familiares enfermos, persoas maiores e dependentes e nenos e nenas.

 

Indica o IMIO a nivel nacional, que as mulleres seguen realizando a maior parte do traballo doméstico e de coidado de persoas dependentes, remunerado e non remunerado, asumindo tamén unha maior carga mental derivada do mesmo.

 

Un dos grandes retos é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar. A desigual repartición das responsabilidades familiares e das tarefas do fogar constitúe un dos principais obstáculos para que a participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera laboral se produza de forma plena.

 

É indubidable que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar. Temos que apostar por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares, no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do tempo. É necesario impulsar a concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais, así como reforzar os recursos destinados á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

 

As empresas, pola súa banda, introducen de xeito voluntario no seu ordenamento interno cada vez en maior medida plans de igualdade con apartados específicos dedicados ás medidas de conciliación e como mecanismo de control da igualdade na retribución salarial. O xeito de facelo de xeito voluntario é un claro indicador da vontade de traballar en prol da igualdade pero tamén da asunción dos efectos positivos destas medidas sobre o propio clima laboral da empresa e sobre os seus resultados.


Outra importante transformación que é estrutural e que será tamén imprescindible de cara a conseguir a conciliación real é o cambio na xestión global dos tempos. Isto pasa por facer fronte ao necesario debate da racionalización horaria a nivel global, buscando un novo pacto social de xestión racional e xusta dos tempos entre a cidadanía, o ámbito da empresa privada e a administración.


As medidas tanto de conciliación como de racionalización horaria teñen sen dúbida efectos moi positivos sobre a calidade do emprego e o benestar social. Nun paso máis alá, está demostrado que as políticas de igualdade e nomeadamente as medidas de conciliación poden ser un importante alento ás políticas demográficas: sen conciliación e corresponsabilidade non hai posibilidades de desenvolver políticas demográficas sustentables e realistas.


Se un dos camiños que conducen ao emprego de calidade e ao benestar social son as políticas de conciliación, outro non menos importante é o da formación e o coñecemento. Precisamente pola inxusta distribución da responsabilidade da conciliación, moitas mulleres viron e aínda ven dificultada a súa inserción no mercado laboral e tamén as súas posibilidades de formación e desenvolvemento.

 


É fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia. Para iso, ademais da aplicación de políticas específicas, resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade de xénero.


Por todo o expostop, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:


O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

 

1.- Fomentar en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorpore a perspectiva de xénero.


2.- Fomentar en colaboración coas organizacións sindicais e empresariais, e dentro do marco do Diálogo Social, a aprobación de novas medidas que incentiven a corresponsabilidade e a conciliación, a través de Plans específicos, incentivando no ámbito laboral novas modalidades de traballo flexibles, promovendo que estas se desenvolvan tamén polos homes, e artellando medidas que garantan a compatibilidade entre teletraballo e conciliación.


3.- Fomentar en colaboración coas organizacións sindicais e empresariais, e dentro do marco do Diálogo Social, o a implantación de Plans de Igualdade nas empresas, os cales deberán dispoñer dun rexistro retributivo de todo o persoal, podendo así analizar
e corrixir potenciais desigualdades salariais existentes nas súas organizacións.

 

4.- Realizar un Plan de sensibilización e concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable así como horarios máis racionais.

5.- Realizar un estudo, en colaboración coas universidades galegas, que analice o reparto do traballo doméstico, tanto no coidado de menores e persoas dependentes, como de tarefas domésticas no fogar, para determinar as súas necesidade específicas e, de resultar preciso, definir novas actuacións ao respecto.


6.- Ter en conta na elaboración das medidas a denominada “interseccionalidade”, en virtude da cal algúns sectores da sociedade, como as mulleres anciás, as mulleres con diversidade funcional, as mulleres pertencentes ao colectivo LGBTI e as minorías étnicas e inmigrantes, son particularmente vulnerables ao virus e ás súas consecuencias.

 

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado:

 

1.- A aprobación da Lei de Igualdade Salarial para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres. E mentras non estea aprobada se incremente e dote de recursos suficientes á inspección laboral co fin de perseguir calquera discriminación que por razón de xénero se produzca no ámbito laboral.


2.- A modificación e actualización da Lei de Conciliación e Corresponsabilidade de 1999 onde se teña en conta a nova realidade demográfica, a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida persoal e familiar.

 

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001026

 

Comparte: