Actuacións sobre a nota da DG Mare respecto da revisión do sistema de control da pesca da UE

05
Abr

Actuacións sobre a nota da DG Mare respecto da revisión do sistema de control da pesca da UE

 

Iniciativa sobre as actuacións que se deben levar a cabo en relación coa nota explicativa remitida pola Dirección Xeral MARE ao Parlamento Europeo respecto da revisión do sistema de control da pesca da Unión Europea no contexto do Pacto Verde e a Estratexia de biodiversidade para 2030

 

A DG Mare remitía unha nota explicativa sobre a Revisión do sistema de control da pesca da UE no contexto do Pacto Verde e a Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030 .

 


Nesta nota advertíase sobre as posibles e supostas implicacións dalgunhas emendas presentadas á proposta de reforma integral do sistema de control da pesca da UE adoptadas na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo (Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello que modifica o Regulamento (CE) 1224/2009 do Consello e modifica os Regulamentos do Consello (CE) 768/2005, (CE) 1967/2006, (CE) 1005/2008 e Regulamento (UE) 2016/1139 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao control da pesca) e na que “poderían premiar e legalizar a infradeclaración, conducir a unha sobrepesca masiva e permitir que os descartes ilegais continúen sen ser detectados e ameacen a explotación sustentable dos recursos biolóxicos mariños".

 

Os pescadores europeos non poden senón sentirse indignados e abandonados por unha Comisión Europea que presenta á súa propia industria pesqueira como depredadores ilegais e tramposos. Este é o sentimento unánime do sector que perciben esta actitude como unha completa falla de conexión e empatía cos pescadores e as realidades pesqueiras.

 

A principal asociación pesqueira europea, Europêche, e a española, Cepesca, remitiron un escrito ao comisario Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo Virginijus Sinkevičius no que mostran o seu total desacordo coa Dirección General MARE por divulgar información que dana ao sector.
Europêche insta á Comisión a que deixe de arroxar unha sombra de sospeita sobre o sector e o seu cumprimento no seu conxunto. Tamén instan á Comisión a respectar as decisións democráticas adoptadas polas comisións parlamentarias especializadas. Para o sector pesqueiro europeo, o debate sobre cuestións complexas e técnicas, como o regulamento de control, debe facerse de forma transparente e buscando sempre o resultado de políticas racionais

 


Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

 

O Parlamento de Galicia ACORDA:

1. Manifestar o seu rexeitamento á nota explicativa remitida pola DG Mare ao Parlamento Europeo sobre a Revisión do sistema de control da pesca da UE no contexto do Pacto Verde e a Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030.

2. Dirixirse ao Goberno de España a que leve a cabo as actuacións oportunas de rexeitamento a esa nota explicativa xa que atenta contra a imaxe e traballo do sector do mar e a de todas as persoas profesionais que nel traballan”.

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001257

Comparte: