Novas iniciativas e instrumentos de apoio económico ás pemes

05
Abr

Novas iniciativas e instrumentos de apoio económico ás pemes

 

Iniciativa sobre o impulso por parte do Goberno galego de novas iniciativas e instrumentos de apoio económico ás pemes para introducir o deseño nas estratexias empresariais que permitan favorecer a recuperación da crise

 

Neste momento tan complexo que nos toca vivir hai dúas palabras que se repiten continuamente: cambio e incerteza. Ambas están a marcar a nosa existencia a todos os niveis e, por suposto, tamén condicionan de xeito determinante a actividade económica.

 

A incorporación do deseño nas pemes neste contexto de transformación representa un elemento de carácter estratéxico no incremento do seu valor porque ten repercusión directa nalgunhas das variables e dos aspectos máis significativos da actividade empresarial (volume de vendas, penetración de mercados, internacionalización, propiedade industrial, diferenciación, imaxe percibida e recoñecemento de marca, fidelización ao cliente, etc.).

 

De feito, no presente son moitos os casos de empresas en Galicia que xa apostan polo deseño para a innovación como motor de competitividade e están crecendo grazas a esta aposta estratéxica. Temos exemplos no sector alimentario: Pazo de Vilane, Paco y Lola, Casa Grande de Xanceda, Frinsa; no sector naval, Rodman; no sector da automoción: Castrosúa, Urovesa; na industria extractiva: Cupa Pizarras DFG Pavestone; no sector da madeira: Finsa, Cocinas Santos, Mobalco, Galopín Playground ou no sector das telecomunicacións como Televés.
Pero o reto é que sexan moitos máis, e que se focalice a implementación nas pemes galegas, é dicir, que se consolide un ecosistema galego de deseño e innovación para a difusión da importancia desta disciplina en todos os sectores industriais e empresariais galegos, da man dos seus axentes protagonistas. Isto complementará o esforzo crecente que en Galicia se está a facer en favor da I+D+i e o desenvolvemento tecnolóxico, xa que proporciona metodoloxías e ferramentas que poden ser utilizadas en diferentes fases do proceso de innovación empresarial para incrementar o valor de produtos e servizos e aproveitar novas oportunidades.

 

Por iso, desde 2018 a Xunta de Galicia está desenvolver do Programa de Deseño para a Innovación, de cara a difundir, divulgar e apoiar a empresas e entidades sobre como o deseño pode axudar a incrementar a competitividade. Pero faise necesario seguir impulsando este cambio na sistemática das empresas con novas medidas e iniciativas.

 

Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar novas iniciativas e instrumentos de apoio económico ás pemes, para introducir o deseño nas estratexias empresariais que permitan favorecer a recuperación da crise a través da utilización de ferramentas e metodoloxías de pensamento creativo que propicie a xeración de novo valor en produtos, servizos e modelos de negocio máis sostibles e máis dixitais.”

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001257

Comparte: