Iniciativa sobre medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial

06
Abr

Iniciativa sobre medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial

Iniciativa sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial en resposta á pandemia da covid-19.

Despois dunha longa espera, o Consello de Ministros aprobou o pasado 12 de marzo un plan de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial en resposta a pandemia da covid-19. Desafortunadamente esta iniciativa chega tarde e conta cunha contía económica menor á esperada, pero ademais o Goberno central está a penalizar ás empresas e aos autónomos galegos xa que decidiu aplicar criterios de reparto diferentes aos habituais no sistema de financiamento ás Comunidades Autónomas, polo que Galicia recibirá ao redor de 110 millóns de euros menos.

 

Outra das eivas deste instrumento de apoio é que non inclúe a todos os sectores castigados pola pandemia. De feito, a modo de exemplo, cómpre citar que no anexo I do Real Decreto Lei 5/2021 no están recollidos como posibles beneficiarios das axudas actividades como o sector pesqueiro, a elaboración de viños e cervexas, a fabricación de estruturas e pezas de madeira e mobles, o sector contract, os concesionarios e os talleres de vehículos, as estacións de servizo, os salón de peiteado e estética, as librarías, as florerías, as ortopedias, as ópticas, as xugueiras, as tendas de souveniers ou de segunda mano, os establecementos de artigos deportivos, os centros de ensino, as autoescolas ou os servizos de catering, entre outras.

 

 

En consecuencia, o Goberno central está a incumprir o expresado na propia exposición de motivos destes apoios onde se indica que o obxecto desta iniciativa é poñer en marcha axudas directas ás empresas e autónomos cuxa actividade viuse máis negativamente afectada pola pandemia.


En palabras da ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, logo das críticas recibidas, asegurou que estarían dispostos a estudar a incorporación de novas actividades, sempre que se trate de inxectar diñeiro público nas empresas que máis o precisen e, polo tanto, hai unha oportunidade para corrixir esta exclusión. Por lóxica, para que sexa unha medida efectiva, a incorporación de novas actividades debería traer aparellado un incremento do orzamento.

 

O Grupo Popular de Galicia, logo de escoitar aos representantes de empresarios e autónomos da nosa Comunidade, esixe que todas os sectores e actividades económicas afectadas pola pandemia da covid-19 poidan acceder a estas axudas directas para garantir a súa supervivencia.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:

1) Máxima urxencia na tramitación e sinatura do convenio coa Xunta de Galicia para a transferencia de fondos derivado do Real Decreto-ley 5/2021, de 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoyo a la solvencia empresarial en respuesta a la pandemia de la COVID-19, para unha maior axilidade e eficiencia das axudas.

2) Modificación dos criterios de reparto para que non penalice na distribución dos fondos á Comunidade galega, achegando, conforme ao sistema de financiación autonómica e á porcentaxe de persoas traballadoras autónomas existentes en Galicia, un mínimo de 340 millóns de euros.

 
3) Ampliar os CNAES previstos no Real Decreto-ley 5/2021, de 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoyo a la solvencia empresarial en respuesta a la pandemia de la COVID-19 a outras actividades non incluídas e que pertencen a sectores moi afectados polo impacto da covid-19.

4) Reconsiderar os requisitos de xustificación de gasto previstos no Real Decreto-ley
5/2021, de 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoyo a la solvencia empresarial en respuesta a la pandemia de la COVID-19, por tratarse dunha norma que regula axudas directas ás empresas e aos profesionais que deben chegar coa maior celeridade posible.

5) Revisar o criterio de exclusión das axudas a aquelas empresas que conten cun resultado negativo dun só ano, no exercicio de 2019, así como o que este criterio sexa incondicionado, sen ter en conta outros parámetros”.

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001332

 

 

Comparte: