Promoción a difusión e coñecemento do Banco de Explotacións Agrarias entre as persoas beneficiarias

04
Nov

Promoción a difusión e coñecemento do Banco de Explotacións Agrarias entre as persoas beneficiarias

Actuacións que debe efectuar a Xunta de Galicia para promover a difusión e o coñecemento do Banco de Explotacións Agrarias entre as súas posibles persoas beneficiarias 

 

Un dos instrumentos que integra a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia é o Banco de Explotacións, cuxo interese radica en facer fronte á demanda de base territorial tanto de carácter cuantitativo como cualitativo existente por parte das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, así como á problemática materializada no despoboamento localizado nalgunhas zonas do territorio de Galicia.

Neste sentido, trátase dun instrumento público de mediación e terá a finalidade de facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade (e que, por tanto, non acrediten a súa continuidade e recibisen axudas públicas no período de tempo inmediatamente anterior ao abandono da actividade), e persoas interesadas en incorporarse a elas, co obxectivo de garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu desmantelamento e o abandono das terras que as conforman.

Entre as funcións do Banco de Explotacións atópanse:

 Elaborar e publicar un listado actualizado de explotacións susceptibles de necesitar da devandita mediación.

 Facilitar o labor de mediación, poñendo a disposición das persoas interesadas a información vinculada ás explotacións incluídas no Banco, co obxecto de que esa información sexa de utilidade na consecución de negocios de cesión ou
arrendamento entre as persoas titulares e as interesadas.

 

Ao respecto, faise preciso que sexa o Goberno galego o que fomenta a súa difusión, sobre todo, entre aqueles potenciais beneficiarios, isto é, actuais titulares próximos á xubilación e que non contan con relevo e posibles futuros beneficiarios de explotacións.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a promover a difusión e coñecemento do Banco de Explotacións Agrarias entre os seus posibles beneficiarios”.

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002035

 

Comparte: