Iniciativa sobre a posta en marcha de servizos de conciliación familiar e laboral

08
Nov

Iniciativa sobre a posta en marcha de servizos de conciliación familiar e laboral

 

Iniciativa sobre a posta en marcha de servizos de conciliación familiar e laboral , contando coa implicación do tecido empresarial e cos concellos

Un dos grandes desafíos que afronta a sociedade galega é a tendencia demográfica. Para reverteer esta situación, o goberno galego pon a disposición das familias galegas un conxunto de medidas que favorezan a conciliación laboral e familiar.

Nos últimos doce anos, o Goberno galego púxose á cabeza de Galicia no que respecta á mellora da conciliación. Desde o ano 2009 duplicou o número de prazas públicas de escolas infantís á disposición das familias galegas, e hoxe en día son xa máis de 24.000;creáronse recursos pioneiros como as casas niño, que achegan a posibilidade de conciliar nas zonas rurais; púxose en marcha o Bono Concilia, que axuda ás familias que non puideron acceder a unha praza pública de escola infantil a pagar unha prazas no centro que escollan; ou o Bono Coidado que serve para contratar un coidador ou financiar unha ludoteca cando o neno se pon enfermo.


Tamén hai que destacar a gratuidade da educación infantil para os segundos fillos e sucesivos, medida no que a Xunta de Galicia destina 13,7 millóns de euros. Este ano será o primeiro ano completo no que ningún fogar galego se verá condicionado pola súa capacidade económica para ofrecer aos seus fillos de ata 3 anos unha educación infantil de primeiro nivel.


Galicia deu así o primeiro paso cara á universalización da educación infantil de O a 3 anos, converténdose en pioneira a nivel nacional.


Xunto con estas medidas, o pasado 9 de febreiro do 2021 publicouse no DOG a lei 5/2021 de 2 de febreiro de Impulso Demográfico de Galicia, a primeira con rango de lei en España. Unha lei que blinda algunhas das medidas que xa viña aplicando a Xunta, e crea novas ferramentas para apoiar e protexer a todas as familias galegas.


Neste sentido, o Goberno galego incorpora dúas novidades importantes para facilitar a conciliación nesta lexislatura. Por un lado incrementa a partida destinada á posta en marcha das Casas Niño, para chegar a contar con 100 centros de atención á infancia nos concellos do rural galego; e aposta por poñer en marcha centros de atención á infancia nos lugares de traballo.


O obxectivo desta última medida é ofertar ás nais e pais máis recursos que os axuden na crianza dos fillos, pero tamén dar todas as facilidades posibles a todo aquel que queira poñer en marcha unha escola infantil.


Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:


"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha servizos de conciliación en contornas laboráis, contando coa implicación do tecido empresarial e cos concellos, co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral".

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002235

 

Comparte: