Demanda ao Goberno de españa de determinadas actuacións na planificación da rede eléctrica de España para 2021-2026

08
Xul

Demanda ao Goberno de españa de determinadas actuacións na planificación da rede eléctrica de España para 2021-2026

Demanda da Xunta ao Goberno de España de determinadas actuacións na planificación da rede eléctrica de España para 2021-2026 

 

 

Galicia volveu a ser a segunda Comunidade Autónoma que máis enerxía renovable xerou durante 2021. En total, a nosa comunidade xerou 24.205 GWh, dos que o 74,3% producíronse a partir de fontes de orixe renovable, segundo os datos do 'Avance do informe do sistema eléctrico español 2021' presentados por Rede Eléctrica de España.

En concreto, a eólica e a hidráulica suman xuntas máis do 70% da produción eléctrica autonómica. O ciclo combinado foi, co 15,3%, a seguinte da lista, que se completa coa produción da coxeración (7,8%), o continxente doutras renovables (2,2%) e outras tecnoloxías como o carbón, a solar fotovoltaica, os residuos renovables e os non renovables, que supoñen menos do 2% cada unha. É significativo o descenso que experimenta o carbón, cunha redución da súa xeración do 65,8 % respecto a 2020, debido a unha política enerxética do Goberno que non mediu as consecuencias de impulsar o peche das centrais térmicas.

A pesar deste liderado e, especialmente, do potencial enerxético de Galicia cara a avanzar nunha transición xusta e ordenada, acabamos de coñecer a planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026 aprobada a semana pasada polo Goberno de España, que é vinculante para Rede Eléctrica, e na que só recolle un investimento de 66 millóns de euros para a Comunidade galega. Isto supón tan só o 1% do total nacional que ascende a 6.964 millóns de euros (5.704 M€ para reforzo de
redes internas).

Nesta nova planificación, ademais de deixar fora da planificación dos vindeiros anos a conexión de Vigo á rede de transporte de 220kV, así como a subestación eléctrica de Balaídos - unha infraestrutura estratéxica para o futuro do sector do automóbil -, tampouco se axusta aos proxectos de renovables que se desenvolven en Galicia, na medida en que non se reforzan os nodos de evacuación próximos aos parques eólicos, o que provoca a necesidade de levar adiante grandes liñas eléctricas con un impacto importante sobre o territorio. Son máis de 1.000 quilómetros de liñas que se evitarían se o Goberno tivese atendido as alegacións da Xunta.

Ademais, non se inclúen as infraestruturas necesarias para posibilitar a evacuación da enerxía eólico mariña e a nova potencia hidráulica que se poida xerar desde Galicia, nin para encaixar o desenvolvemento dos proxectos de hidróxeno verde previstos no Porto Exterior de Langosteira para a fabricación de amoníaco.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que rectifique e inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España para 2021-2026 para atender ao reforzo nos nodos de transporte máis próximos aos proxectos de xeración renovable, para minimizar o impacto de novas liñas eléctricas de evacuación, así como para garantir a competitividade da industria en Galicia actual e futura vinculada á instalación de novos proxectos”.

 

Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002986

 

Comparte: