Feijóo fixa como unha das prioridades ata 2024 seguir industrializando o rural e facelo atractivo para os investidores

28
Xu

Feijóo fixa como unha das prioridades ata 2024 seguir industrializando o rural e facelo atractivo para os investidores

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que unha das prioridades ata 2024 vai ser seguir avanzando na industrialización do rural e seguir facéndoo atractivo para os investidores. Para iso, amosou o seu compromiso para primar os proxectos tractores da economía galega que para o seu desenvolvemento escollan o rural galego, así como poñer en marcha un Plan de Formación Continua do agro galego.

 

Nun acto electoral celebrado nunha explotación gandeira en Trazo, Feijóo asegurou que o PPdeG vai seguir apostando polo rural, xa que a capacidade de esforzo e superación do rural galego ponse de relevo ollando a súa modernización nas últimas décadas. Neste senso, destacou o traballo desenvolvido durante a pandemia do coronavirus, xa que a maioría do rural non parou para seguir abastecendo as nosas despensas.

 

OPORTUNIDADE PARA O RURAL

“Esta crise pode ser unha oportunidade para o medio rural”, dixo Feijóo, quen recordou que se atenderon as consecuencias derivadas da pandemia a través do Plan de Liquidez, que adiantou 300 millóns de euros en axudas; do incentivo ao consumo de produtos propios coa campaña ‘Voume de feirón’; ou atendendo ás necesidades dos sectores máis internacionalizados, como o viño ou a carne.

 

De cara ao futuro, seguiranse desenvolvendo iniciativas para facilitar o emprendemento, como o Programa Aprol Rural, a Estratexia de dinamización do sector lácteo, a Estratexia da PAC, a simplificación das cortas forestais, a creación da Axencia Industrial Forestal ou a creación de microparques industriais. “Queremos pensar no rural en grande”, sostivo o líder do PPdeG.

 

Feijóo avanzou varios proxectos tractores da economía vinculados co rural: a creación dunha planta de fabricación de fibra forestal, o impulso dun centro de produción enerxético a través de residuos e a aposta polo hidróxeno verde.

 

Pero, ademais de impulsar a industrialización do rural galego, Feijóo considerou fundamental a mellor preparación posible dos recursos humanos, para o que na vindeira lexislatura avanzou que se porá en marcha un Plan de Formación Continua do agro galego, co obxectivo de que se seguir incrementando o carácter profesional das explotacións.

 

Tamén no ámbito da calidade e a valorización dos produtos galegos salientou o recoñecemento da marca Galega 100% e as denominacións de calidade no sector da carne ou as denominacións de orixe do viño. Así, seguirase por ese camiño e unha das primeiras iniciativas que se impulsará será a creación de mercados Galicia Calidade en lugares especiais das catro provincias galegas.

 

COÑECEMOS E QUEREMOS AO RURAL

Feijóo asegurou que o PPdeG “non empeza de cero no rural”, xa que “coñecemos e queremos o rural desde sempre, levamos tempo mellorando os seus servizos e os sectores produtivos do rural xa teñen un gran peso e potencial na economía galega”.

 

Destacou o esforzo da última década e puxo en valor as políticas fiscais de impostos cero. En concreto, recordou que o rural galego é o lugar coa menor tributación de toda España para mercar unha vivenda e seguirá sendo o único lugar de España onde non se paguen impostos para mercar, permutar ou agrupar parcelas. Ademais, referiuse á posta en marcha das casas niño e as casas do maior; o incremento da Tarxeta Benvida para as familias que viven no rural; a extensión dos servizos de podoloxía, medición da vista e estimulación da memoria; as implantación das boticas do rural; o plan de atención a domicilio; o servizo de banda larga na maioría das zonas; o transporte a demanda ou compartido co escolar; e a creación de puntos de recollida de compras no rural, para que os seus veciños se poidan beneficiar dos servizos de comercio dixital.

 

MANTER A RECEITA

Ademais, subliñou que preto de 4.000 mozos incorporáronse á actividade agraria na última década e que o sector lácteo galego é máis forte e competitivo. Tal e como afondou Feijóo, hoxe Galicia é a octava rexión de Europa e a primeira comunidade de España en produción de leite. Pero, do mesmo xeito, cómpre salientar que non só o lácteo ofrece datos que revelan o progreso do rural, porque tamén están a progresar a produción ecolóxica, a carne, os viños, o sector forestal ou o turismo rural.

 

Por último, afirmou que “a estabilidade política é clave para o rural”; ao tempo que incidiu en que “a colleita de 2024” dependerá do que se semente o 12 de xullo. Así, pediu o apoio para que “a semente desde 2020 a poidamos recoller con éxito en 2024”.

Comparte: