Feijóo pide o voto para a triple garantía de estabilidade, orzamentos e goberno en Galicia

30
Xu

Feijóo pide o voto para a triple garantía de estabilidade, orzamentos e goberno en Galicia

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, pediu nun mitin celebrado en Ribeira o voto para a triple garantía de estabilidade, orzamentos e goberno en Galicia que representa o PPdeG.

 

Segundo apuntou, non se trata simplemente de elixir entre unha ideoloxía ou outra, entre un partido ou varios á vez ou entre un candidato ou varios á vez; senón que se trata de escoller que opción é a mellor para que xestione os intereses dos galegos, e a que aporte máis confianza, máis experiencia e xestión, e máis certezas.

 

O PP, O ÚNICO QUE PODE DAR CERTEZAS

Ante esta delicada situación, o líder dos populares galegos recoñeceu que o PP é o único que pode dar certezas. Nese senso, trasladou unha mensaxe de confianza, lembrando que, ao igual que Galicia superou a forte recesión que sufriu hai unha década e que foi tamén quen de facer fronte ao máis duro da pandemia, superará esta situación actual tan complicada.

 

De igual modo, expresou unha mensaxe de estabilidade, destacando que Galicia ten presupostos ano a ano desde hai 11 anos, que cumpre coas obrigas do déficit, que é a Comunidade que menos se endebedou durante a crise, que é a Autonomía que mellor paga as facturas aos provedores e que non hai os vaivéns, e contradicións que hai noutras administracións.

 

Como terceira certeza referiuse á xestión, manifestando que os populares teñen experiencia e un programa para cumprir desde o primeiro día sen perder un minuto: apoiando ás persoas que máis o precisan, impulsando os proxectos dos emprendedores, aportando seguridade e respaldo aos autónomos, defendendo aos traballadores como os de Alcoa, Endesa ou Ence, potenciando os nosos sectores produtivos esenciais, impulsando a innovación e facendo que os nosos produtos batan récords de exportacións como estes anos.

 

A GALICIA QUE QUERE A MAIORÍA

Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que está convencido de que a gran maioría en Galicia prefire o entendemento ao enfrontamento, a estabilidade, a experiencia e a xestión e as certezas, salientando que a fragmentación partidista que onte se evidenciou no debate electoral non está na sociedade.

 

Así mesmo, incidiu en que quere unha Galicia que non estea partida en bloques como pasa en España; que non se fragmente como sucede en Cataluña; que non se someta á chantaxe de intereses minoritarios; que non divida e que non busque derrotar a ninguén; senón que quere unha Galicia que acorde e na que gañe a maioría.  

 

Ademais, admitiu que, por máis que todo o multipartito se repita, isto non vai de Feijóo, “isto vai de Galicia”; engadindo que é unha cuestión de prioridades e que as súas tenas moi claras: o benestar das familias, a recuperación do crecemento, a creación do emprego e o progreso da Comunidade.

Comparte: