Feijóo pide acudir ás urnas porque a abstención é un voto directo ao multipartito

05
Xul

Feijóo pide acudir ás urnas porque a abstención é un voto directo ao multipartito

Di que nada está feito e resalta a experiencia, o programa, a xestión acreditada e as propostas do PPdeG, os únicos que teñen claro o que hai que facer e a capacidade para facelo

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu acudir ás urnas porque a abstención é un voto directo ao multipartito, insistindo en que, se o 12 de xullo non votamos, sairemos perdendo todos os galegos. Incidiu que a prioridade neste momento é combater a pandemia sanitaria, polo que dixo que “non imos baixar a garda e seguiremos tomando decisións”.

 

Nun mitin en Vilagarcía, resaltou que non se pode dar nada por feito e engadiu que as vitorias non se logran con enquisas nin esperando na casa a que sucedan senón indo a por elas: pedindo o voto e votando. “Non deixemos de votar por máis seguros que esteamos de cal vai ser o resultado nin de cal é o resultado que Galicia precisa”, salientou apuntando que tamén hai que pedirlle o voto aos que non votaron aos populares noutras eleccións porque será bo para eles que a Comunidade teña un goberno estable, con experiencia, que ten claro o que hai que facer e capacidade para facelo.

 

MOITO POR FACER

Logo de destacar a importancia de que os galegos se unan nas urnas para avanzar xuntos e evitar a fragmentación e a parálise, o presidente defendeu non hipotecar catro anos de Galicia, de recuperación, de progreso e de benestar “por un día de relaxación”.

 

Feijóo lembrou que, malia que superamos o peor da pandemia, o virus segue aí e hai que seguir xestionando este problema con seriedade, con experiencia e con respostas coordinadas. “O primeiro obxectivo dun goberno serio ten que ser a saúde pública e protexer a saúde dos galegos, como fixemos durante tantas semanas e tantos meses”, lembrou.

 

Neste sentido, manifestou que “pedimos aos veciños da Mariña lucense que extremen as precaucións”. “Imos pedir que se tomen todas as medidas preventivas para que non haxa en ningún caso que arrepentirse por non tomar decisións e imos seguir anticipándonos en cada concello para garantir a seguridade sanitaria de todos os galegos”, sinalou.

 

O Presidente do PPdeG, non esqueceu que hai que enfrontarse ás consecuencias económicas, laborais e sociais do coronavirus e subliñou que non hai marxe para improvisar nin tempo que perder: “Hai moito que facer. Se confiades neste Goberno con experiencia, con programa e xestión acreditada e se confiades en min como presidente pídovos que non deades nada por feito e vaiades votar”, dixo.

 

NON FALLAR NUNCA A GALICIA

Durante a súa intervención, Feijóo aclarou que ao longo destes anos nunca fallou ao seu compromiso con Galicia. “Eu fixen o que dixen”, sinalou antes de asegurar que “non vou acertar sempre, pero si digo que non lle vou fallar a Galicia nunca”. Neste sentido, recoñeceu que fai sempre todo o posible pola nosa Comunidade, pedindo o voto para que teñamos un Goberno e un presidente libres, que só se deban a cumprir cos seus compromisos.

 

 “Galicia ten que saber cara onde vai o día seguinte das eleccións”, manifestou o líder do PPdeG que remarcou as propostas dos populares en distintos eidos. Ao respecto, afirmou que o seu partido propón que a sanidade galega, a que mellor funcionou nesta pandemia, complete a renovación dos hospitais e a tecnolóxica, así como os novos servizos que se puxeron en marcha: “Queremos que os galegos poidan sentirse aínda moito máis seguros”, apuntou.

 

De igual xeito, propuxo que a educación pública, que está obtendo os mellores resultados da súa historia no informe PISA, se supere; que o Goberno autonómico que máis apoia as familias de España siga aprobando novas medidas de respaldo ás nais e pais; ampliar os servizos aos maiores, onde se multiplicou por seis as prazas as prazas en residencias;, e que a Galicia que recuperou por fin o saldo migratorio positivo dea máis oportunidades para os mozos.

 

Así mesmo, avogou para que a Galicia do mar, que xa é líder, reforce os seus liderados e o benestar dos que o traballan; que o rural de toda España onde menos impostos se paga sexa o medio de vida para cada vez máis galegos; que os nosos produtos que son recoñecidos no mundo pola súa calidade o sexan tamén pola innovación nos procesos; e que a Comunidade volva pronto ás cifras de récord en exportacións destes anos e incluso as supere.

Comparte: