A Xunta de Portavoces acorda por consenso a creación dunha Comisión de Estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia

15
Set

A Xunta de Portavoces acorda por consenso a creación dunha Comisión de Estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia

Santiago, 15 de setembro de 2020.- A Xunta de Portavoces acordou hoxe, por consenso dos tres grupos parlamentarios, a constitución dunha Comisión non permanente de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19. O portavoz popular, Pedro Puy, cualificou de “boa nova” a creación desta nova comisión no Parlamento galego e manifestou que “agora toca traballar e enchela de contido para buscar saídas a esta crise a medio e longo prazo”.

 

Puy explicou que esta nova comisión de estudo terá unha composición por grupos proporcional ao número de deputados existentes no Parlamento galego: 7 do Grupo Popular, 3 do BNG e 2 do PSdeG. Ademais, lembrou que existen antecedentes noutras comunidades autónomas que puxeron en marcha comisións deste tipo e que aprobaron un ditame final por unanimidade. Deste xeito, avogou porque no caso da comisión de estudo galego sirva para “atopar saídas á crise e pactar por onde ten que camiñar o país para recuperarse dunha pandemia sanitaria que vai xerar un problema económico e social”.

 

A Xunta de Portavoces tamén acordou a orde do día do primeiro pleno ordinario desta XI lexislatura, que se celebrará a vindeira semana. En concreto, o portavoz popular apuntou que será o vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Turismo que dea comezo as comparecencias dos membros do Goberno galego para informar das previsións e as liñas de actuación dos seus departamentos.

 

TAXAS DE REPOSICIÓN E ESTATUTO ELECTROINTENSIVO

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España a retirada da limitación das taxas de reposición do persoal do sistema sanitario público, permitindo ofertar todos os postos necesarios para poder actuar ante a pandemia da Covid-19. Pedro Puy lembrou que “Galicia, desde que comezaron as restricións como consecuencia da anterior crise económica, sempre fixo convocatorias e convocou todas as prazas que eran posibles”, polo que considerou que “neste momento é convinte actuar e eliminar as taxas de reposición para mellorar as condicións laborais do persoal sanitario, darlle estabilidade e conseguir que o servizo público de saúde dea mellores resultados”.

 

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central fixe un prezo eléctrico competitivo a través da aprobación dun estatuto para consumidores electrointensivos, incrementando ata o máximo que autoriza a Unión Europea as compensacións por custos indirectos de CO2 e un novo sistema de xestión da demanda que substitúa á poxa por interrumpibilidade.

 

Así mesmo, a iniciativa parlamentaria pretende amosar o compromiso do Parlamento galego de avaliar que proxectos do plan industrial de Liberty para as fábricas de Alcoa en San Cibrao poidan optar ao Fondo Europeo de Recuperación.

 

REPARTO DE INICIATIVAS

 

Para rematar, os deputados do Grupo Popular preguntarán ao Goberno galego sobre as orixe e as causas dos distintos lumes que están a asediar a provincia de Ourense; a resposta que atopou do Goberno central na demanda de carga de traballo para Navantia; e os criterios e finalidade que tiveron as medidas de cribado para a detección da Covid-19 realizadas a determinados colectivos nos últimos meses.

 

En total, a sesión plenaria da vindeira semana inclúe 22 cuestións, das que o 70 por cento corresponden aos dous grupos da oposición. O acordo para o reparto de iniciativas nas sesións plenarias amosa “a convicción do Grupo Popular de facer do Parlamento un lugar de contraste político e no que a oposición poida facer o seu traballo de control e de impulso ao Goberno sen dificultades”, asegurou Pedro Puy.

 

Ademais, afirmou que desde o Grupo Popular “traballaremos pensando nas persoas e cando a oposición traia algunha iniciativa que consideremos boa, aceptarémola e non iremos simplemente ao non polo non”

Comparte: