O Grupo Popular demanda novas achegas do Goberno central para atender as medidas de reforzo de limpeza nos centros de ensino

16
Set

O Grupo Popular demanda novas achegas do Goberno central para atender as medidas de reforzo de limpeza nos centros de ensino

Santiago, 16 de setembro de 2020.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, cualificou hoxe de “insuficiente” os fondos atribuídos polo Goberno central a Galicia para afrontar a situación derivada da Covid-19 no ensino galego e demandou “novas achegas para poder facer fronte ás medidas de reforzo de limpeza nos centros de ensino”.

Paula Prado lembrou que a Xunta “non está conforme con preto de 93 millóns de euros atribuídos a Galicia polo Goberno de España para gastos asociados á educación con motivo do coronavirus porque non se teñen en conta factores determinantes para a prestación do servizo público educativo na Comunidade galega como os custes do transporte escolar ou os comedores”.

 

REFORZO DA LIMPEZA

 

“De empregarse o criterio do sistema de financiamento autonómico no reparto desde fondo Covid-19 para a educación, a Comunidade galega recibiría 36,3 millóns de euros máis que os asignados”, sinalou.

 

A viceportavoz popular manifestou que a Consellería de Educación “vai asumir o reforzo da limpeza nos centros da súa titularidade, que son aproximadamente a metade dos que existen en Galicia; mentres que nos centros que son titularidade dos concellos serán as entidades locais as que asuman este custo, en cumprimento do recollido na normativa sectorial en materia de educación e a normativa de réxime local”.

 

Na súa intervención, Prado recoñeceu que a pandemia sanitaria “está a pedir un reforzo extra para todas as administracións públicas” e sinalou que as recomendacións sanitarias en canto á limpeza dos centros veñen determinadas por parte dos ministerios de sanidade e educación. “O protocolo da Xunta de Galicia só transcribe esas recomendacións”, asegurou.

 

PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN

 

Neste sentido, indicou que Galicia conta desde o pasado mes de xullo co protocolo de adaptación ao contexto Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020-2021, documento que foi actualizado o 31 de agosto para incorporar as cuestións acordadas polo Goberno central e as comunidades autónomas no marco do Consejo Interterritorial de Salud Pública e as últimas indicacións do Comité Clínico de expertos que asesora ao Goberno galego en relación á pandemia.

 

“Deste xeito, Galicia converteuse na primeira comunidade en adaptar o seu protocolo de inicio de curso ás actuacións consensuadas co Goberno do Estado”, salientou a viceportavoz popular.

 

Para rematar, Paula Prado saudou que a Xunta acordara hoxe a incorporación de inmediato de case 1.900 profesores aos centros de ensino galego de todos os niveis, co obxectivo de reforzar a protección sanitaria e mellorar a atención que reciben os alumnos galegos.

Comparte: