O Grupo Popular apoia instar á Xunta a facilitar a resolución do conflito que ameaza co peche de Thenaisie Provoté

16
Out

O Grupo Popular apoia instar á Xunta a facilitar a resolución do conflito que ameaza co peche de Thenaisie Provoté

Santiago, 16 de outubro de 2020.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a facilitar a resolución do conflito que ameaza co peche da fábrica Thenaisie Provoté no Grove e o centro adxunto en Mos, traballando en colaboración coas traballadoras e os posibles compradores que xa manifestaron a súa intención e apoiando, mediante o Igape e os mecanismos necesarios da Administración galega, o mantemento da actividade e o emprego.

A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique lembrou que a Xunta “se posicionou desde o primeiro momento nunha fronte común cos traballadores, como non podería ser doutra forma, para velar polo mantemento da súa actividade, pensando no emprego local e do sector conserveiro galego”. “O Goberno galego ven demostrando desde o minuto un que a súa prioridade é, como sempre, reconducir a situación de Thenaisie Provoté co obxectivo de garantir a continuidade e o futuro da produción”, apuntou.

 

TRES PRIORIDADES

 

Así mesmo, Egerique manifestou que a Xunta está traballando para atopar un socio industrial ou socios inversores que permitan garantir a actividade empresarial, mantendo contactos continuos con Scandia Food e cos propios traballadores para sumar alternativas e propostas, en aras a lograr a mellor saída posible á incerteza laboral e económica actual de Thenaisie Provoté.

 

“Na busca dese socio industrial, as prioridades da Xunta son tres: que sexa solvente en termos de experiencia xestora e de capacidade de produción e de coñecemento do mercado; que sexa viable e garante da continuidade da actividade actual nas dúas plantas; e que asegure que o capital industrial conserveiro se centre en Galicia, tendo presente que é distinto que veña unha empresa de fóra a que a empresa marche fóra a producir”, puntualizou a deputada popular.

 

Deste xeito, Egerique afirmou que “a Xunta está onde ten que estar, traballando co sector e informando puntualmente aos representantes dos traballadores de todas as xestións que está realizando e todos os contactos que está mantendo na procura dun socio industrial”.

Comparte: