Tellado: “O PSOE quere facer coa cadea mar-industria de Galicia o que xa fixo co sector industrial das Pontes e de San Cibrao”

16
Out

Tellado: “O PSOE quere facer coa cadea mar-industria de Galicia o que xa fixo co sector industrial das Pontes e de San Cibrao”

Pregunta se o PSdeG por fin alzará a voz para loitar polos intereses dos galegos ou, pola contra, continuará limitándose a defender os de Sánchez 

 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que o Goberno de Sánchez reitere a súa vontade de abandonar e arruinar á cadea mar-industria a través da Lei de Cambio Climático, cuxa entrada en vigor pode supor a desaparición de decenas de históricas empresas e de miles de postos de traballo en sectores nos que Galicia é líder en España. “O PSOE quere facer coa nosa cadea mar-industria o que xa fixo co sector industrial das Pontes e de San Cibrao”, incidiu.

 

Tras finalizar o prazo de presentación de emendas este pasado mércores, constatouse que nin o PSOE nin Podemos, que sustentan o Goberno central, presentaron ningunha ao artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático que modifica os prazos concesionais das instalacións reguladas polo Regulamento Xeral de Costas, insistindo en manter o xaque á industria galega.

 

Como sinalou o número dous do PPdeG, os populares galegos, tanto dende a Comunidade como dende o Congreso, presentaron desde hai meses diversas iniciativas parlamentarias -roldas de prensa, preguntas orais en pleno, preguntas escritas dirixidas ao Goberno- para evidenciar a situación na que quedarían miles de postos de traballo galegos e do conxunto do territorio nacional de persistir co citado artigo 18.

 

Por iso, avanzou que seguirán insistindo durante o período de discusión das emendas para que o Executivo central rectifique e se una “á nosa reclamación e á doutros grupos parlamentarios que estamos na sensibilidade de evitar este fatal desenlace para industria galega e española”.

 

O CONTINUO ATAQUE Á INDUSTRIA GALEGA

“Non nos imos quedar inmóbiles e calados ante o esforzo de Sánchez por pechar as nosas empresas e afogar á nosa Comunidade”, afirmou o secretario xeral, que sostivo que esta é outra mostra da vontade do Executivo central de acabar coa nosa industria, neste caso, atacando ao sector do mar.

 

“Semella que ao presidente do Goberno non lle chega con provocar o peche das nosas centrais térmicas ou con non dar solución ás industrias electrointensivas que agora continúa adiante cunha norma que levará por diante milleiros de empregos, a economía das nosas comarcas costeiras e unha cadea mar-industria que demostrou ser punteira nos últimos anos”, manifestou.

 

Nese senso, Tellado tamén preguntou se os socialistas galegos por fin alzarán a voz para defender os intereses da Comunidade ou continuarán limitándose a actuar como defensores de Pedro Sánchez ante todos os seus ataques a Galicia. “É unha mágoa ver como o PSdeG é cómplice do castigo permanente dun Goberno a unha Comunidade que só ten culpa de non apoialo nas urnas”, destacou.

 

AS TRAMPAS DO GOBERNO CENTRAL

Así mesmo, o secretario xeral afeou as trampas do Goberno central, primeiro coa escasa transparencia coa que pretendía modificar a Lei de Costas e, despois, introducindo un articulado sobre a duración das concesións en dominio público marítimo-terrestre a través do proxecto de Lei de Cambio Climático. “Tratan de colar pola porta de atrás unha reforma que afecta de maneira sobranceira á Galicia costeira e que reactivaron en pleno estado de alarma, nunha norma que non é a de Costas e sen manter un diálogo co sector”, explicou.

 

Cómpre salientar que esta reforma pon en risco a máis dun cento de empresas e outras actividades do complexo mar-industria e tamén afecta a cerca de 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros, entre os que se atopan centros de saúde, colexios ou EDARES.

Comparte: