Tellado agradece a proactividade dos máis novos para aportar solucións aos problemas da mocidade

17
Out

Tellado agradece a proactividade dos máis novos para aportar solucións aos problemas da mocidade

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, admitiu que que os populares queren que as Novas Xeracións sexan “a nosa vangarda, os nosos ollos e os nosos oídos para que nos transmitan tanto os problemas e retos que perciben como as súas propostas para afrontalos”.

 

Segundo sinalou, nun contexto tan complexo como o da pandemia, no que hai que reinventarse, a implicación da mocidade é fundamental. “Os mozos non son parte do problema, senón parte da solución que debe manifestarse a través do seu compromiso, demostrando ser un modelo de responsabilidade e de prudencia e empuxándonos a todos a ser máis proactivos, a tomar mellores decisións”, insistiu.

 

Neste sentido, reivindicou o esforzo de Novas Xeracións, que dedican o seu tempo a traballar por un país mellor, reuníndose para escoitar, para propoñer e para enfrontarse xuntos aos desafíos comúns como a complexa situación laboral que atravesan moitos mozos en España, a procura de solucións para evitar o desmantelamento do noso tecido industrial ou o gran reto da comunidade educativa, que debe compaxinar o dereito á educación coa seguridade sanitaria. Como resaltou, trátase dun exercicio de compromiso, que sempre é de agradecer, pero especialmente nestes tempos tan complexos onde o esforzo de todos e máis importante que nunca.

 

UN GOBERNO QUE ESCOITA E COMUNICA

Miguel Tellado ofreceu declaracións antes da súa xuntanza coa Xunta Directiva de Novas Xeracións, onde tamén estivo acompañado polo deputado autonómico e conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que compartiu coa mocidade do PP o desenvolvemento do inicio do curso e as medidas que está levando a cabo o Goberno galego para que este ano académico poida transcorrer coas maiores garantías de seguridade sanitaria posibles.

 

Ao respecto, o número dous do PPdeG salientou a dobre vocación do Executivo autonómico: a de escoitar á sociedade, en concreto aos mozos e mozas de Galicia; e a de comunicar, coa maior transparencia e claridade posible, o seu traballo e labor de goberno.

 

 “Desta forma a Xunta de Galicia traslada, en primeira persoa, as decisións que afectan no día a día de milleiros de persoas; e recolle as súas inquedanzas para darlle as  mellores solucións posibles, porque a implicación e o compromiso de toda a sociedade é indispensable nun momento como o que estamos a vivir”, sostivo mentres agradecía que este Goberno teña en conta a opinión dos mozos e mozas galegos.

Comparte: