O Parlamento pide ao Goberno de España que garanta a protección dos orfos e orfas por violencia de xénero

25
Nov

O Parlamento pide ao Goberno de España que garanta a protección dos orfos e orfas por violencia de xénero

Santiago, 25 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España que realice de forma urxente as modificacións lexislativas necesarias para garantir a protección dos orfos e orfas por violencia de xénero naquelas situacións que, após a aplicación da Lei 3/2019, quedan sen contemplar. Así mesmo, pídese á Xunta que reforce as axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero co obxecto de garantir que o feito causante supoña un menor prexuízo económico para os fillos e fillas orfos.

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou que no día de hoxe conmemórase o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, “pero para nós é un día máis de traballo para avanzar cara a plena igualdade”. “Todos os días do ano debemos esforzarnos en erradicar a violencia contra as mulleres”, subliñou.

 

Na súa intervención, salientou que “en Galicia levamos moitos anos poñendo en marcha medidas de sensibilización, de prevención, de atención e de erradicación da violencia de xénero”. En concreto, salientou a aprobación en 1991 da Lei que crea o Servizo galego de promoción da igualdade do home e a muller; a creación dos cinco primeiros centros de información á muller en 1995, que nos vindeiros días serán 83 abertos en toda Galicia; os plans de igualdade; o Plan de acción contra a violencia de xénero 2002-2005; ou a Lei galega de igualdade de 2004.

 

Prado lamentou que na modificación da Lei 3/2019 de mellora da situación de orfandade das fillas e fillos de vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller “deixa fóra aos orfos e orfas cando o autor da morte fose outro home diferente ao seu pai e o seu proxenitor non se atope en condicións de asumir o coidado e a protección dos fillos e das fillas, como pode ser o caso de presidiarios ou desempregados sen dereito a prestación”.

 

MODIFICACIÓNS LEXISLATIVAS

 

Deste xeito, a proposición non de lei considera necesario que o Goberno de España realice as modificacións lexislativas necesarias para dar cabida a supostos que deben ser considerados, como aquelas situacións derivadas da non coincidencia do homicida co pai da crianza ou de que o proxenitor non estea en condicións de asumir a manutención das e dos menores, así como outras que puideran derivar no resultado da desprotección do menor.

 

A proposición non de lei aprobada demanda que tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia realicen unha difusión activa da existencia deste recurso, dirixida tanto á sociedade en xeral como aos organismos e departamentos que traballen no ámbito dos servizos sociais e da atención á violencia machista.

 

Por último, solicítase a realización, ao abeiro da medida 170 que contempla “Revisar os casos de mulleres e menores ao seu cargo que fosen vítimas de violencia de xénero para analizar o seu grao de inserción na sociedade e reparación”, dun estudo específico sobre os resultados en Galicia, co obxectivo de afondar no coñecemento da situación e de poder impulsar as melloras e complementos necesarios por parte das administracións.

Comparte: