Tellado: “Se é real o enfado do BNG co PSOE polo seu desprezo a Galicia que rompan os pactos de goberno que teñen en deputacións e concellos”

04
Dec

Tellado: “Se é real o enfado do BNG co PSOE polo seu desprezo a Galicia que rompan os pactos de goberno que teñen en deputacións e concellos”

Di que a indignación dos nacionalistas é unha teatralización porque o único que lles importa é manter a súa “parceliña de poder” onde gobernan

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, se é certa a molestia do Bloque Nacionalista Galego cos socialistas polo seu absoluto e permanente desprezo a Galicia, “que rompan os acordos de goberno que teñen con eles en deputacións provinciais e concellos”. “Se o enfado pola traizón do PSOE fora real esta fin de semana veríamos ao BNG poñer en dúbida os seus pactos locais”, insistiu.  

 

Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, lamentou que, en vez de apoiar o esforzo de todos os galegos, o BNG e o PSdeG se embarcansen nunha guerra política no momento máis inoportuno; malia que aclarou que se trata todo dunha ficción. Segundo precisou, a indignación do BNG desta semana, “as súas lágrimas de crocodilo”, non son máis que unha posta en escena, unha teatralización, porque o único que lle importa é manter a súa parceliña de poder nas deputacións e nos concellos que aínda gobernan.

 

Como lembrou, o BNG fixo presidente a Pedro Sánchez e aplaudiu uns Presupostos Xerais do Estado absolutamente prexudiciais para a nosa Autonomía ata que descubriron que el nunca contou con eles e que non pensan cumprir ningún dos seus acordos de investidura. Sobre isto, resaltou  que os populares galegos levaban moitos meses advertíndollo, “non porque poidamos ver o futuro senón porque simplemente recordamos o pasado”.

 

De feito, indicou que ao Bloque pasoulle o mesmo cada vez que tivo representación en Madrid, apoiando a gobernos socialistas a cambio de promesas para Galicia que nunca se cumpriron. “Sorpréndeme que Ana Pontón, despois de case 20 anos no Parlamento, caera outra vez na mesma trampa”, aseverou.

 

INTERESE OCULTO DE GONZALO CABALLERO

Pola contra, afirmou que xa nada sorprende de Gonzalo Caballero, que aplaude todos os insultos a Galicia do Goberno socialista, é capaz de defender os Presupostos de Sánchez malia a caída histórica do investimento na Comunidade e de criticar os orzamentos  da Xunta que crecen máis que nunca. “Non sei como despois disto é capaz de seguir mirando á cara aos galegos”, manifestou.

 

Ademais, remarcou que o secretario xeral do PSdeG é o principal interesado no desprezo de Sánchez á nosa Autonomía trala maioría absoluta de Feijóo, polo que non descartou que estivera detrás da tradición ao BNG en Madrid: “Unha vinganza política, froito do rancor contra os que lle gañaron folgadamente as eleccións autonómicas”.

 

Igualmente, solicitou que Caballero explique se foi el quen pediu que se rexeitasen as emendas presentadas polo PPdeG e BNG para mellorar os PXE.

 

O PPdeG, AO CARÓN DOS PROFESIONAIS E DAS FAMILIAS

Pola súa parte, o número dous dos populares galegos subliñou que, mentres as formacións da oposición continúan centrados nas súas liortas, o PPdeG seguirá do lado dos profesionais e das familias galegas, que necesitan máis que nunca de apoio para superar esta crise. “Espero que a prudencia de todo o mundo permita que esta situación se manteña”, engadiu facendo un chamamento á precaución e á responsabilidade individual.

 

Nese senso, celebrou que hoxe sexa un día especial en Galicia, que pode volver “reencontrarse consigo mesma”, xa que moitas persoas volveran ver ás súas familias e quedar cos amigos cercanos en lugares como bares e restaurantes; algo que se fará antes que na maioría do resto de Comunidades.

 

Tellado non esqueceu que se isto é posible é grazas ao sacrificio de moitas persoas que están facendo un esforzo enorme durante estes meses e fixo unha mención especial aos profesionais do turismo, da hostalería, comerciantes e resto de traballadores que tiveron que pechar os seus negocios pola saúde de todos. “Quero mostrarlles o noso humilde agradecemento porque tamén son cruciais na loita contra a pandemia. Un agradecemento que se fai visible nas axudas que a Xunta está facendo a estes colectivos”, sentenciou.

Comparte: