O PPdeG lembra que corresponde ao Goberno central abonar as compensacións económicas aos afectados pola dragaxe da ría do Burgo

04
Dec

O PPdeG lembra que corresponde ao Goberno central abonar as compensacións económicas aos afectados pola dragaxe da ría do Burgo

Santiago, 4 de decembro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez Sarmiento incidiu hoxe que a Xunta “non é titular nin o executor do proxecto de dragaxe da ría do Burgo, polo que corresponde ao Goberno central abonar as posibles compensacións económicas aos afectados”.

A pesar desta situación, amosou a dispoñibilidade da Xunta de aportar 100.000 euros de fondos do orzamento para 2021 para artellar un Plan Social que palíe as perdas que o colectivo de persoas mariscadoras desta ría sufra pola falla de actividade durante a execución da dragaxe. Neste sentido, demandou que tamén os concellos ribeiregos implicados acheguen fondos en medida semellante, así como desde o Goberno central, ata chegar á cifra de un millón de euros.

 

Elena Suárez lamentou que, “a pesar de que o Goberno central anunciou a principios de novembro o inicio da contratación desta dragaxe da ría do Burgo, de momento nada vimos no BOE”, polo que avanzou que “ata finais do vindeiro ano 2021 non comezarán os traballos e, polo tanto, o marisqueo non se verá afectado ata esa data”.

 

Así mesmo, lembrou que “o Goberno central despexou a mediados de setembro a vía xurídica para licitar a obra sen necesidade de paralizar previamente a actividade marisqueira: por unha banda, deixaba claro que non existe obstáculo sobre a dispoñibilidade duns terreos que son do Estado e sobre os que a Xunta non ten nada que certificar; e, pola outra, avala a posición inicial da Xunta sobre o innecesario de suspender a actividade marisqueira antes de comezar as obras”.

 

QUEN PROMOVE AS OBRAS DEBE ABONAR AS COMPENSACIÓNS

 

“O Goberno galego entende que quen promove as obras de dragaxe, neste caso o Estado, debe ser quen abone as compensacións polo cese obrigado da actividade namentres se realizan as obras”, sinalou a deputada popular, quen lembrou outras obras nas rías galegas nas que se actuou do mesmo xeito.

 

Deste xeito, Elena Suárez subliñou que “a paralización non é por causas imputables á Xunta, xa que non deriva dun problema orixinado pola xestión ou ordenación do marisqueo”, e apuntou que “a orde da Xunta polo que se modifican os plans de explotación marisqueira só ten como obxectivo dar cumprimento á petición do Goberno central dun compromiso formal de dispoñibilidade dos terreos precisos para a execución da obra e evitar que haxa escusas para a súa licitación”.

 

A pesar desta situación, Suárez Sarmiento amosou a dispoñibilidade da Xunta para aportar 100.000 euros do orzamento de 2021 para crear un Plan Social que palíe as perdas das persoas mariscadoras durante a execución da dragaxe da ría do Burgo, un plan que debería complementarse coas aportacións dos concellos implicados e do propio Goberno central ata acadar a cifra dun millón de euros.

 

“Esta é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa ría do Burgo e os mariscadores, que complementa as actuacións levadas a cabo nos últimos anos no seu saneamento que supuxeron un investimento superior aos 100 millóns de euros”, engadiu.

Comparte: